CRTVG

Buscar

O Deportivo toca fondo en Estremadura e Luis César anuncia trocos inminentes

Publicado o 17/11/2019 12:46

Doeu máis porque enfronte estaba un deportivista confeso como Manuel Mosquera. Porque a xogada do primeiro gol a fabricou Óscar Pinchi, un xogador que se formou en Abegondo e que marchou á procura de oportunidades que non lle deron no club da súa nenez. Ale Díaz e Zarfino puxeron en evidencia a febleza defensiva do Deportivo. No segundo gol, por certo, volveu a participar Pinchi e tamén outro ex deportivista como Diego Caballo que desta volta foi o que puxo o centro. O Deportivo leva quince xornadas sen gañar e ofreceu en Estremadura unha imaxe lamentable. Sirva como exemplo esta acción cunha conducción dun rival de corenta metros sen que ninguén lle saia ao paso. A desesperación de Dani Giménez é a de todo o deportivismo que ve un equipo que vai á deriva.

Luis César: "Hai que reaccionar xa e teño claro que todo o que fixemos desde que cheguei aquí non funciona. Teño que trocar de libreto, de partitura e elixir outro camiño. Cambio na forma de xogar, de aliñacións, nos nomes dos futbolistas. Plantexo todo, evidentemente".

Os números do Deportivo dende o troco de técnico lonxe de mellorar empeoraron. Só dous puntos en seis xornadas. Tres goles a favor e doce en contra. O menos goleador e o máis goleado. Luis César: "Eu xa estiven dezasete partidos sen gañar e catorce sen perder, xa sei como é isto. Temos tempo, moito tempo, pero cada vez menos".

A cinco xornadas para o final da primeira volta no Deportivo xa se recoñece que o obxectivo é a permanencia. Un equipo sen fútbol e sen alma, con poucos puntos na clasificación e precisando puntos de sutura para remendar a fractura social.

Noticias web

17/11/2019