CRTVG

Buscar

O Deportivo suspende os adestramentos do Fabril polo positivo dun futbolista

Publicado o 15/08/2020 13:26
O Deportivo suspende os adestramentos do Fabril polo positivo dun futbolista

O Fabril, filial do Real Club Deportivo da Coruña, non retomará a actividade o vindeiro luns tras detectarse un caso positivo nun dos seus futbolistas por COVID-19. O club regresou ao traballo o pasado mércores na Cidade Deportiva de Abegondo para completar tres sesións de adestramento. O xogador, que como o resto dos seus compañeiros pasara satisfactoriamente o luns os tests da COVID-19 previos á incorporación ao traballo, manifestou un proceso febril avaliado en consulta polos doutores do Club.

O futbolista foi sometido a novas probas e illado inmediatamente á espera dos resultados. Tras confirmarse o caso positivo, o resultado foi comunicado xa á Xunta de Galicia para que active tamén os seus procedementos. O xogador afectado continuará en illamento, do mesmo xeito que os seus compañeiros de equipo e contactos estreitos á espera de evolución e da realización de novos tests nos próximos días. A pretemporada, tanto para o Fabril como para os xuvenís, arrancara o mércores baixo estrito cumprimento do protocolo Fisicovid-Dxtgalego realizado por Xunta e aplicado pola Federación Galega de Fútbol.

Noticias web

15/08/2020

Máis sobre actualidade