CRTVG

Buscar

O Deportivo suma un punto de esperanza pola boa imaxe ante o Alcorcón

Publicado o 24/11/2019 16:44

A boa imaxe ofrecida ante o Alcorcón convidou á bancada de Riazor a despedir o equipo con aplausos. Porén a clasificación, máis cruel, non lle recoñece ningún mérito ao Deportivo. Faltou o gol, como tantos que marcou Veloso, a quen lle rendeu homenaxe Riazor no pasamento do que foi o cuarto máximo realizador na historia do club coruñés.

Luís César aplicou os cambios que anunciara. Trocou nomes e debuxo. Un 4-3-3 que lle deu poderío no medio campo e co que os xogadores dixeron sentirse cómodos. O adestrador destacou o labor de Mollejo, Longo e Koné para que funcionase.


"A clave para min foron os tres de arriba porque fixeron un traballo descomunal", comentou Luís César


A primeira liña non acertou á hora de marcar gol, pero a súa aportación defensiva permitiulle ao equipo deixar a porta propia a cero, por primeira vez en sete partidos, os que leva Luis César no banco.


Peru Nolaskoain dicía "era o primeiro antes de facer gol, manter a porta a cero. Eu mesmo dixen pola semana que tiñamos 29 goles e un equipo coma o noso non se podía permitir iso. Hoxe equipo defensivo, nin sequera nos chegaron á portería e quedamos satisfeitos por esa parte.”

As tres substitucións foron na dianteira buscando renovar osíxeno na primeira liña de traballo, e dotala de gol. O balón parado de Aketxe foi outro recurso que finalmente tampouco deu froitos. O Alcorcón recoñecería que soportou un acoso na recta final.

“As sensacións foron moi boas. Pero claro, isto vai de puntos, non de sensacións... Por algo se empeza”, salientou Luís Ruiz.


Se este partido vai marcar o punto de inflexión da temporada, teñen 25 xornadas por diante para sair do cabeiro malo da clasificación. A semana que vén, será en Lugo.
 

Noticias web

24/11/2019