CRTVG

Buscar

O Deportivo recibe dous goles e é incapaz de reaccionar ante o peor anfitrión de segunda

Publicado o 16/11/2019 21:19

Outro rival en postos de descenso que se impón sobre o Deportivo. Catro derrotas seguidas levaba o Estremadura, o peor local da categoría, e acaba a xornada reforzado. Nunha defensa condicionada polas baixas volveu ser titular Somma, máis de dous meses despois da súa lesión. Luís César tamén buscou cambios na zona de creación metendo a Vicente Gómez no canto de Álex Bergantiños. Todo disposto, para estragarse en catro minutos.
O tempo que tardou o coruñés Óscar Pinchi en espir os problemas defensivos do seu ex-equipo. Desaxustes graves que lle permitiron ao lateral dereito entrar só na área, agardar, pedir e rematar. Gol de Álex Díez que resucitaba as peores pantasmas. Outra vez a contracorrente. Enfronte un Estremadura que se viu máis forte e amedrentou o rival con liñas adiantadas e presión na saída do xogo, impedindo pensar a un Deportivo xa bloqueado de inicio.
A hiperestimulación de ex-xogadores branquiazuis como Pinchi e Caballo, unido a erros imposibles remataron a faena. O segundo gol nace nun córner a favor do Deportivo no que Bóveda desaproveita un remate claro. Pinchi conduce o contragolpe, cambia cara a Caballo e o seu centro remátao Zarfino. 2 a 0 no minuto 32. Unha renda que se antollaba dificil de anular, tendo en conta antecedentes. E así foi.

Na segunda parte Luís César meteu a Longo no campo, polo hiperactivo Mollejo. Este troco fixo escorar cara á banda a Koné, e dende alí foi o único que propuxo no xogo ofensivo. O Estremadura baixou a marcha, e mentres Giménez berraba dende a portería, no ataque coruñés todo o protagonismo foi do marfilés. Pero os intentos de Koné non abondaron, en gran parte pola boa tarde que tivo o porteiro Casto, que tamén interveu para repeler un bo remate de Beto da Silva xa no minuto 80. Quince xornadas sen gañaren, as dúas últimas con derrota, lastran o Deportivo, pechacancelas, agora mesmo a 5 puntos da permanencia.


A vindeira xornada recibirá en Riazor o Alcorcón.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/11/2019