CRTVG

Buscar

O Deportivo perde na casa ante o Elxe e afúndese na táboa

Publicado o 10/11/2019 17:14

Moi pobre entrada en Riazor para ver un pobre partido cun paupérrimo resultado. Nova derrota do Deportivo na súa casa. Desta volta ante un Elxe pragmático cuxo mérito foi aproveitar con gran efectividade as súas contadas ocasións. E non foi porque non o intentaron os coruñeses, xa dende os priemros compases do partido. Aketxe proba cun forte lanzamento de falta dende longa distancia. Pero pouco se pode facer contra a calidade de xogadores coma Gonzalo Verdú, quen anotou este golazo de falta. Minuto doce. Caía máis auga fría, ademais da da chuvia, sobre Riazor.

Tocaba remar contra o tempo e o marcador. E deu froito a reacción. Unha moi boa combinación de Montero, que asiste o desmarque de Salva Ruiz, este mete o balón na área e Mollejo recolle o servizo enviando ao fondo da rede. O rapaz de Ciudad Real, dos máis combativos, devolveu a ilusión a bancada.

Pouco durou. O colexiado Díaz de Mera, quen substituía a Figueroa Vázquez, convocado para unha mesa electoral, sinalou penalti na caída de Claudio ante Giménez, que non atrapa o disparo de Nino e derruba ao dainteiro do Elxe. Fidel Chaves anota dende os once metros e unha nova lousa cae sobre os branquiazuis. De novo tocaba remontar, e abofé que o intentaron, coma nesta ocasión que ten os mesmos protagonistas do gol, aínda que desta volta Badía estivo máis inspirado.

Luis César da entrada a Borja Galán e Cristian Santos, pero a dinámica do partido é xa irreversible. O Dépor sen acerto, e o Elxe aguantando atrás e aproveitando as contras, coma esta ben trenzada no minuto 86, que culmina Pere Milla recollendo o rexeite de Giménez.

Unha derrota moi dolorosa, que deixa moi tocado ao conxunto coruñés. Luis César segue sen coñecer o sabor da vitoria e Riazor perde punto a punto a ilusión.

Noticias web

10/11/2019