CRTVG

Buscar

O Deportivo perde en Riazor ante o Málaga e suma once xornadas sen gañar

Publicado o 20/10/2019 22:47

Acabarían confesando os xogadores en zona mixta que xa no inicio do partido caeron os plans previstos, o ensaiado na semana. Non por méritos dos rivais, senón por incapacidades propias. 

Eneko Bóveda: "Despois de preparar o partido como fixeramos, de como nos concentramos, os erros dos primeiros quince minutos son difíciles de explicar".

O Deportivo, que intenta ser outro equipo, non se recoñecía na misión. Lonxe diso, reaparecían pantasmas recentes. Só un bloqueo mental e físico pode explicar erros e incompetencias semellantes. Imprecisións que desembocaron no 0 a 1 no minuto 41. O Málaga adiantouse aproveitando os desaxustes defensivos a balón parado do equipo coruñés. Tras o saque de esquina marcou Mikel. Na segunda parte, non aumentou a renda visitante axiña porque a clasificación do Málaga tamén ten a súa explicación. E, ademais, porque Dani Giménez brillou en varias intervencións, aínda que acabaría contaxiándose da impericia. Porén, o Deportivo tivo algúns minutos de esperanza. Durante media hora os de Luís César pareceron acomodarse en campo rival. O empate era opción crible. Se houbera finalización. A falta de acerto nos remates a portería fixo que todos so esforzos foran baldíos. E despois o equipo colapsou.

O técnico desesperaba na banda con erros concatenados que foron liberando o camiño para que o Málaga, sen grandes nin pequenas exhibicións levara o partido ante un rival directo. Ata o mellor do partido errou, Giménez calculou mal a saída e deulle o 2 a 0 a Armando Sadiku no minuto 87.Afundido, o deportivismo deberá aferrarse á esperanza que conserva o vestiario.

Eneko Bóveda: "Fixemos dúas semanas de traballo moi bo coa xente moi atenta. O adestrador veu con moito ánimo e enerxía e vainos axudar moito. Teño fe cega no que tenta facer e sei que vai facer".

Tocan dous partidos seguidos fóra, o seguinte de novo ante o penúltimo, que agora é o Racing de Santander.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/10/2019