CRTVG

Buscar

O Deportivo pasa de recibir 13 goles nas seis primeiras xornadas a apañar só dous nas seis últimas

Publicado o 10/02/2020 19:53

O Deportivo de Vázquez é unha rocha. Só recibiu dous goles nos primeiros seis partidos da segunda volta. Con Anquela encaixara trece nos seis primeiros da Liga. "Sentímonos fortes agora mesmo, eu creo que a base das vitorias vén dunha boa defensa. Somos un bloque sólido agora e aos contrarios cústalles moito faceren ocasións", sinala Peru Nolaskoain.

O último muro da rede defensiva é, malia os seus problemas físicos, un Dani Giménez infranqueable. "Está ofrecendo o nivel do que el é, un gran porteiro ao meu parecer e agradécese que o teu porteiro pare cando as cousas se poñen difíciles e é un bo sinal que cando o equipo contrario ataque teñas un seguro de vida aí atrás e dáche confianza", recoñece o centrocampista vasco.

Segundo se arreda do descenso, o vestiario atrévese a volver soñar. "Vivimos os dous extremos do fútbol, de estarmos afundidos, vendo case imposible a salvación, a estarmos ilusionados con facer cousas aínda, porque eu creo que quedan moitas xornadas e todo pode pasar", di Nolaskoain.

Catro puntos afastan os brancoazuis da queima, e sete da promoción. O vento zoa a favor e mesmo o goleador Sabin Merino volve traballar co grupo.

Noticias web

10/02/2020