CRTVG

Buscar

O Deportivo non pode fallar ante o Mallorca

Publicado o 25/05/2019 20:07

Non va máis. O Deportivo chegou ao punto de non retorno. Non caben máis fallos. O luns, na véspera da elección do novo presidente do club, só un triunfo ante o Mallorca mantería vivo o obxectivo secundario da temporada. Isto é, entrar no playoff de ascenso. Sería o primeiro paso antes dos dous últimos encontros, en Elxe e ante o Córdoba na Coruña. Un pleno de puntos que non garantiza, pero que sí achegaría o sexto posto. Claro que as sensacións transmitidas polos brancoazuis, que non gañan na casa desde hai catro meses, non invitan ao optimismo, e máis cando semella que non están claras as razóns da caída do equipo durante a segunda volta, tal e como explicou Saúl, quen dixo que moitas veces non sabe como describilo. Bloqueo mental, físico ou acerto. Non sabe. O resumo é que están nesta situación que non queda outra que afrontala e asumila. Pero se gañan estes tres partidos, entran no playoff e suben, vai dar igual se a segunda volta foi unha merda ou se a primeira foi marabillosa. O importante é o obxectivo, que é o ascenso.

Os xogadores agardan o apoio duns seareiros que levan moito tempo sen levar unha alegría en Riazor. Os Blues alentaron hoxe en Abegondo. A comunión equipo-afección é imprescindible nesta recta final, tal e como destacou Saúl, quen asegurou que o factor casa ten que axudalos. A xente que estea con eles, que apoie, que vaia ao campo e anime. A final iso levará en voandas ao equipo, que amosará tamén que loita por eles.

O Mallorca chega a Riazor con seis puntos máis que o Deportivo e a posibilidade de certificar unha praza no playoff. O seu adestrador, Vicente Moreno pensa que son afortunados de ter esta posibilidade de xogar un partido con todas as circunstancias que o rodean e con todo o que hai en xogo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/05/2019