CRTVG

Buscar

O Deportivo mellora pero non pasa do empate ante o Alcorcón

Publicado o 23/11/2019 20:51

Segue sen chegar o ansiado triunfo. Son xa 16 xornadas sen gañar. A agónica situación do Deportivo queda apenas matizada por un encontro no que unha parte dos obxectivos foi acadada. A solidez defensiva, eixo principal do traballo semanal, con trivote no medio do campo, foi indiscutible ante un Alcorcón que non creou nin unha soa acción de perigo ante a portería de Dani Giménez. Ademáis, o Deportivo gozou dun 60 por cento de posesión, pero continúa costándolle un mundo facer ocasións. Tivo algunhas, pero non as suficientes para marcar. Koné gozou das máis claras durante un primeiro tempo no que os de Luis César chegaron a dominar o partido. Non funcionou mal o medio do campo con Bergantiños, Peru e Vicente Gómez. Precisamente un gran pase do canario provocou a mellor oportunidade no minuto 40. Pero Koné rematou excesivamente cruzado ante o gardameta Miralles. Chegábase ao tempo de lecer coa sensación de que o Deportivo era superior a un decepcionante Alcorcón, invicto a domicilio nesta liga. Pero na segunda parte custoulle aos brancoazuis recuperar o ritmo e o control do balón. Certo é que o conxunto madrileño seguía sen dar sinais de vida ofensivamente. Pero pasaban os minutos e non sufría demasiado atrás. Chegaron os trocos. Entraron Christian Santos, Aketxe e Beto da Silva. E cos refrescos, a recta final volveu ter cor local. O Alcorcón mostrou as súas virtudes defensivas e conseguíu deixar a súa portería a cero por cuarta vez nos últimos cinco partidos. Porque Miralles rexeitou acertadamente un lanzamento de falta de Aketxe, e o último intento de Álex Bergantiños non atopou os tres paus. O empate deixa ao Deportivo na mesma situación case desesperada. Pero esta vez houbo melloras ás que debe aferrarse para non perder a esperanza.

 

Noticias web

23/11/2019