CRTVG

Buscar

O Deportivo gaña no minuto 88 un partido tolo (3-2)

Publicado o 18/08/2019 22:16

Derrota o Oviedo cun gol de Christian Santos

O Deportivo - Oviedo converteuse nunha montaña rusa de consecuencias imprevisibles e con final feliz para o equipo galego. Pouco lle faltou a esta primeira entrega do campionato. Apareceu o VAR de xeito decisivo. Aos 20 minutos corrixiu o erro do árbitro, que anulou o gol de Kone por posición de fóra de xogo. O dianteiro deportivista estaba en situación correcta cando colleu o rexeitamento do porteiro ao disparo de Borja Valle. O primeiro tempo moveuse ao ritmo que marcou Gaku pero o segundo ofreceu moitas máis alternativas. Mellorou o Oviedo, que tivo unha magnífica oportunidade para marcar. O disparo de Ortuño, sen colocación, obtivo a boa resposta dos reflexos de Dani Giménez.
O Deportivo adquiriu neste mercado de verán a un excelente golpeador. Chámase Ager Aketxe. Vexan seu disparo que significou o 2-0. parecía o gol que aseguraba a vitoria e é que o Oviedo acusou animicamente o tanto. Tardou en reaccionar e quizá o punto de inflexión foi esta falta, na que o balón pasa entre unha morea de xogadores. Un deles, Michele Somma é o último en tocar contra a súa propia portería. Con máis de 20 minutos por diante, desatouse o Oviedo. Saúl Berjón fixo tremer desde lonxe o longueiro deportivista. Foi o anticipo do empate. O 2-2 chegou nun notable erro defensivo. Os centrais deixanlle rematar a Obeng, completamente só, un centro de Sangalli. O encontro mudaba por completo e incluso semellaba que os asturianos poderían completar a remontada. Pero o acerto, a xenialidade, foi branquiazul. Christian Santos levaba só catro minutos no campo e, a dous do noventa, marcou o gol decisivo, un golazo. O control e o posterior disparo do dianteiro valen ouro pola calidade e sobre todo pola importancia de rescatar dous puntos que xa semellaban fuxir de Riazor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/08/2019