CRTVG

Buscar

O Deportivo empata en Almería (1-1)

Publicado o 20/11/2018 12:19

Tal e como foi o partido, poderiamos dicir que o Deportivo rescatou un punto de Almería. Non estivo ben o conxunto herculino, dominado en varias fases do xogo. O mellor de todo, o empate co golazo de Fede Cartabia seis minutos antes do final. 

O Deportivo segue sumando de aos poucos e trae de Almería un punto despois dun partido sen sustancia en que a primeira parte resultou todo un fastío sen oportunidades claras de gol. Algunha pelota apartada no tiro a porta, coma esta de Quique González despois dunha boa transición de ataque dos coruñeses.

Ou estoutra na portería contraria en que Corpas consegue remexerse no punto de penalti para pegar coa dereita e saír o balón cuspido fóra de perigo pola defensa branca e azul. Houbo que agardar ao segundo tempo para ver algo máis de fútbol e sobre todo gol. O Almería comezou a picar pedra polos estremos e a portería de Dani Giménez a verse máis comprometida. Como aquí Juan Carlos Real rematando de cabeza pegado ao pau dereito o centro paralelo de Narváez. Zafou nesta o Deportivo, pero xa non puido na seguinte: ataca con todo o Almeria e o movemento pola banda de Andoni López remata con pase en curto ao bico da área onde Juanjo Narváez despacha o coiro dunha zapatda profunda ao copo da rede coruñesa.

Corría o minuto setenta e catro e o Almería seguiu buscando o gol para acabar sendo o Deportivo quen igualara o partido. Unha xenialidade de Cartabia probando dende a distancia o porteiro René e provocando o seu erro nunha pelota longa que afociña na escribanía dos andaluces. Quique González aínda tivo unha última oportunidade de levar o premio gordo nun contragolpe en que a perna dun defensa desvía a pelota pero non corrixe o rumbo lento e seguro dos de Natxo González, con máis ou menos escintileo do seu fútbol.

Noticias web

20/11/2018