CRTVG

Buscar

O Deportivo Abanca cae en Abegondo ante o Athletic Club

Publicado o 02/02/2020 14:25

O gol colleu por sorpresa o Deportivo en Abegondo. Aos sete segundos de asubiar o comezo, Azkona poñía o primeiro do Athletic Club. O gol desconcertou as coruñesas, que precisaron de tempo para recompoñerse.

O primeiro achegamento serio protagonizouno Athenea, con este disparo que deu co pau tras bater nunha rival. Estirábase o Deportivo na procura de ocasións, pero chegaban a contagotas. De feito, as coruñesas tiveron que empregarse a fondo para frear as incursións do Athletic. Lucía García dispuxo de dúas oportunidades moi claras. Azkona puido facer o segundo xusto antes do descanso, aproveitando un erro de Nuria.

Á volta dos vestiarios as vascas agudizaron a presión e entorpeceron o xogo, máis físico nalgúns treitos. Non houbo ocasións demasiado claras. As máis destacadas, unha, infrutousa, de Tere Abelleira. E outra, a do 0-2 para o Athletic, unha vaselina de Lucía García inalcanzable para Sullastres.

Segunda derrota consecutiva para as coruñeses que, cun partido menos, ceden a cuarta praza.



 

Noticias web

02/02/2020