CRTVG

Buscar

O Deportivo agarda unha xunta de accionistas clave para o seu futuro

Publicado o 16/12/2019 20:20

Non hai candidatos oficiais para asumir a remuda do actual Consello de Administración a menos dun mes para a celebración da xunta xeral extraordinaria. A dimisión voluntaria do actual órgano de goberno, presidido por Paco Zas, anunciada para o 14 de xaneiro, pode chegar a condicionar a asemblea deste martes.

A aprobación das contas do pasado exercicio e do orzamento para a presente temporada son os principais puntos da orde do día da xunta que se vai celebrar aquí en Palexco en segunda convocatoria. A primeira convocatoria non reuniu o quórum necesario para a súa celebración, fixado nun mínimo do 25 % de capital social.

No apartado de rogos e preguntas, poderase debater sobre o cesamento dos actuais administradores, se algún accionista así o propón. Distinto é que se vote. Fontes próximas a Paco Zas aseguraron á TVG que o presidente está disposto a asumir as súas reponsabilidades á fronte do club ata o 14 de xaneiro.

Mentres, o ex-candidato á presidencia, Jesús Martínez Loira, insta a tomar medidas urxentes de forma inmediata e avala a proposta lanzada por Augusto César Lendoiro dun consello de administración de salvación.

O ex-presidente e un dos máximos accionistas, Tino Fernández, encóntrase fóra da Coruña e non asistirá á xunta, aínda que delegou as súas accións para a aprobación das contas. Fernando Vidal aínda non ten claro se vai ir á asemblea de accionistas.

Noticias web

16/12/2019