CRTVG

Buscar

O deporte mundial únese contra o racismo

Publicado o 06/06/2020 15:09

"Non resolverá o problema dos negros nin a violencia policial. Pero visualizará o que Kaepernick expuxo poderosamente e quizais se demostre que, con valentía, se pode conseguir un progreso real." O ex vicepresidente executivo da NFL, Joe Lockhart, animaba deste xeito os Minnesota Vikings, o equipo da cidade en que morreu George Floyd, a fichar o ex quarterback dos 49ers de San Francisco, afastado dos campos dende que en 2016 cravou o xeonllo no chan mentres sonaba o himno dos Estados Unidos.

Un xesto que lle custou a carreira e que catro anos despois e cun novo afroamericano morto a mans da policía obriga a propia NFL a reconsiderar o seu posicionamento. Un lema tamén compartido polos xogadores e familiares dos Jacksonville Jaguars, congregados ás portas da policía da cidade. A NFL pecha filas e resitúase no centro das protestas raciais.

"Calquera de nós puido ser George Floyd" destacaban os Jaguars mentres nas redes se libraba outra batalla. O presidente Trump recriminaba o xiro de Drew Brees, quen a comezos de semana criticou o xesto institucionalizado por Kaepernick. "Son un gran fan de Brees pero non debeu retractarse sobre a forma de honrar a nosa bandeira", dixo. Ao que o xogador do New Orleans Saint respondeu que abonda de usala para distraer das cuestións que verdadeiramente importan. Brees escribiu nas redes que lamenta ter comprado ese argumento.

Noticias web

06/06/2020