CRTVG

Buscar

O Dépor descende a Segunda B e anuncia accións legais pola suspensión do seu partido co Fuenlabrada

Publicado o 20/07/2020 22:57

• Aprazárano tras detectar varios casos de COVID-19 no club madrileño, pero mantiveron o resto da xornada 

 Sanitarios da Xunta, no hotel do Fuenlabrada na Coruña do que marchan varios turistas alí aloxados | O club di que cumpriron co protocolo

O Dépor descende a Segunda B e anuncia accións legais pola suspensión do seu partido co Fuenlabrada

O primeiro caso masivo de coronavirus no fútbol produciuse na última xornada da Segunda División española, LaLiga SmartBank, e ocasionou o aprazamento do Deportivo da Coruña-Fuenlabrada ao se confirmaren ata sete positivos de xogadores e varios membros do corpo técnico do conxunto fuenlabreño.

Os tests conforme ao protocolo de LaLiga no día do partido desvelaron a situación que provocou un terremoto nas horas previas á última xornada de LaLiga SmartBank. Na expedición do Fuenlabrada viaxaron xogadores con coronavirus. O equipo debía quedar illado no seu hotel de concentración na Coruña e non desprazarse a Riazor.

O pasado sábado un test a un xogador alertou dun posible caso no Fuenlabrada. O seu resultado alterado provocou que se illase o xogador. Os controis que o club realizou a todo o seu persoal o domingo deron negativo e foi o último control de LaLiga realizado a mañá da viaxe o que horas despois desvelou un contaxio masivo no persoal.

Na reunión de urxencia de LaLiga e Real Federación Española de Fútbol (RFEF), coa supervisión do Consello Superior de Deportes (CSD), decidiuse que se disputara toda a xornada salvo o duelo entre Dépor e Fuenlabrada. Os xogadores deportivistas esperaban no seu estadio e horas despois coñeceron o descenso sen xogaren polos triunfos dos seus rivais directos.

Xunto ao Numancia completaban os descendidos tras os confirmados Racing de Santander e Estremadura. O Fuenlabrada defendeu nun comunicado que seguiu "as medidas que marca o protocolo sanitario" e informou que cada xogador que deu positivo non mostrara sintomatoloxía antes da viaxe.

Con rapidez, realizábanse tests aos xogadores do Elxe, último rival do equipo madrileño, antes de iniciar o seu partido. Os clubs que disputaban algo na última xornada denunciaron un agravio comparativo, e o tema acabará con reclamacións e denuncias.

Pola parte alta equipos que pelexan co Fuenlabrada, que comezaba a xornada en fase de promoción de ascenso, como Elxe e Raio Vallecano denunciaron a situación. "Tomouse unha decisión que afecta directamente á integridade da competición e que cremos que non é xusta", denunciou o Elxe, que acabou a xornada arrebatando co seu triunfo a praza de playoff ao Fuenlabrada.

Máis duro foi o Raio, que anunciou accións legais. Expresou a súa "máis profunda indignación ante a adulteración da competición que se está tentando perpetrar" e xustificou que un Dépor descendido coñecendo os resultados dos seus rivais, como ocorreu, sairá a xogar "cunha gran desilusión e sen ningunha forza, o que prexudicaría moi seriamente os intereses do Raio Vallecano".

Por iso o equipo madrileño, que denunciou "xogar baixo ameaza de perda de puntos", anunciou que "non acepta esta resolución por ser moi prexudicial aos seus intereses deportivos e económicos e emprenderá todas as accións legais para defender os seus intereses ante este gravísimo atropelo".

O Dépor regresa 40 anos despois a Segunda B sen xogar e asegurou no seu comunicado que se opuxo a que só se suspendese o seu partido e non o resto da xornada. "Coñecida a nota informativa en que se comunica o acordo do aprazamento, puxo en coñecemento tanto de LaLiga como da Federación e o Consello Superior de Deportes a súa oposición frontal a esa decisión. Adultérase a competición e o espírito das dúas últimas xornadas con partidos cuxos resultados inflúen nos demais", denunciou.

O Fuenlabrada cae á oitava praza da clasificación e espera noticias desde LaLiga para coñecer a data do seu partido. A súa volta á capital de España depende das autoridades. De momento permanecerá confinado no hotel de concentración da Coruña e someterase o martes ás probas PCR da COVID-19 por parte dos técnicos de Saúde Pública da Xunta de Galicia tras ser protagonista dun caso que xerou unha revolución no mundo do fútbol. 

O equipo galego sinala que "estudará e emprenderá todas as accións legais necesarias, antes as instancias correspondentes, en defensa dos seus lexítimos intereses".

 Algúns hóspedes do hotel do Fuenlabrada cancelan cuartos

Algúns hóspedes do hotel do Fuenlabrada na Coruña cancelaron os seus cuartos e abandonaron as instalacións ao se confirmaren varios casos de COVID-19. Ante o risco de quedaren confinados, polo menos dez turistas decidiron deixar os seus cuartos despois de que se coñecesen os positivos da expedición do Fuenlabrada, que está formada por unhas 24 persoas.

É o caso de catro madrileños de idade avanzada que optaron por marchar "ante a dúbida" de que os confinen máis adiante, explicaron. O persoal do equipo madrileño si queda confinado no hotel en que se aloxan na Coruña polo menos ata este martes.

O resto dos hóspedes do hotel non teñen restrición de movemento, segundo as mesmas fontes. Ademais, cancelouse o voo que fora programado para o regreso do Fuenlabrada a Madrid desde o aeroporto coruñés de Alvedro.

Médicos da Xunta, no hotel do Fuenlabrada na Coruña

Dous médicos da Xunta de Galicia están no hotel de concentración do Fuenlabrada na Coruña despois de que varios xogadores do equipo madrileño deran positivo en COVID-19 antes do partido co Deportivo.