CRTVG

Buscar

O Defensor do Pobo investigará de oficio o triplo crime machista de Valga

Publicado o 20/09/2019 14:20

As mostras de cariño en recordo de Sandra, Alba e Elena seguen a encher a entrada do domicilio onde foron asasinadas, en Carracido. Mostra de que os veciños nin esquecen nin pasan páxina.

O último acto en sinal de respecto aos familiares atopámolo en Campaña, a parroquia da que eran naturais, onde a comisión de festas decidiu cancelar a festividade que tiñan programada para mañá, a poucos metros de onde vive o pai e viúvo.

Evaristo Jamardo, presidente da comisión de festas: "Cando pasou o suceso, ao ser veciñas, decidimos comezar a mirar para suspender a festa, e despois os veciños tamén se opoñían a que a houbese, así que decidimos suspendela o mesmo día".

A decisión fixérona pública o mércores despois do funeral, a través das redes sociais.

Mentres tanto, a última nova en canto á investigación vén determinada polo Defensor do Pobo, que abriu unha investigación de oficio hai escasos minutos por este triplo crime machista, para a que pediu información sobre o proceso de divorcio da parella e as medidas que se tomaron para protexer os menores.

Paralelamente, a instrutora traballa para determinar se se trata dun asasinato en vez dun homicidio, e aplicar así a pena de prisión permanente revisable para José Luis Abet.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/09/2019