CRTVG

Buscar

O debate de investidura será os días 4, 5 e 7 de xaneiro

Publicado o 01/01/2020 10:51
O debate de investidura será os días 4, 5 e 7 de xaneiro

A presidenta do Congreso dos Deputados, Meritxell Batet, convocará o debate para a investidura de Pedro Sánchez os días 4, 5 e 7 de xaneiro, segundo comunicou aos representantes dos grupos parlamentarios.

A convocatoria formal, segundo informaron fontes da Presidencia do Congreso, levará a cabo o vindeiro xoves, 2 de xaneiro.

O mesmo xoves espérase o pronunciamento do Consell Nacional de ERC, que debe dar o visto e prace ao acordo entre PSOE e republicanos para a abstención dos seus 13 deputados, necesaria para que a investidura salga adiante.

Coñecida a decisión, a Comisión Executiva Federal do PSOE reunirase o venres 3 para ratificar o acordo cos republicanos e os apoios con que conta o presidente en funcións, Pedro Sánchez.

O debate de investidura comezará, pois, o sábado 4 de xaneiro. A primeira votación será o domingo, día 5, para o que é necesario maioría absoluta: 176 votos a favor do presidente.

Se non se alcanzan os apoios, 48 horas despois, o martes día 7, celebraríase a segunda votación, para o que Pedro Sánchez sería investido por maioría simple, é dicir máis sis que nons, unha situación na que é imprescindible a abstención dos 13 deputados de ERC.

Entre a primeira e segunda votación, o luns 6 de xaneiro, celebrarase a Pascua Militar, acto castrense co que se inicia o ano militar. Ao acto institucional, presidido polo rei no Palacio Real, está prevista a asistencia de Pedro Sánchez, e os ministros en funcións de Defensa, Margarita Robles, e de Interior, Fernando Grande-Marlaska.