CRTVG

Buscar

O Cumio do Clima segue pendente dun acordo de última hora

Publicado o 14/12/2019 20:38

O Cumio do Clima tenta achegar as posturas no tempo de desconto, porque todo tiña que rematar onte, venres, e a esta hora as conversas son intensas para chegar a un texto de consenso antes da medianoite. A primeira hora da tarde houbo queixas porque a presidenta deste COP25, a chilena Carolina Schmitt, non actuaba con suficiente dilixencia.

As diverxencias céntranse no mercado das emisións de carbono e nas dificultades para implementar dun xeito efectivo o Acordo de París a partir de xaneiro evitando a dobre contabilidade na contaminación. Recapitulando, as empresas ou países que non cumpran cos obxectivos da redución de emisións poden compensalo comprando créditos no mercado de carbono a outros países que os teñan libres. Pero se se compran emisións, hai que descontarllas ao que as vende. Parece un obxectivo lóxico, pero algúns non se dan por decatados.

Outro problema central é que os principais países emisores de gases invernadoiro (a China, os Estados Unidos, a India e Rusia) non están polo labor de reducilos. En medio deste panorama de difícil consenso, trabállase contra o reloxo para acordar un texto que non sexa pura cosmética.
 

Noticias web

14/12/2019