CRTVG

Buscar

O culto ao corpo deixa á beira da morte o actor portugués Ângelo Rodrigues

Publicado o 29/08/2019 13:22
O culto ao corpo deixa á beira da morte o actor portugués Ângelo Rodrigues

Portugal está pendente do estado de saúde do coñecido actor Ângelo Rodrigues, de 32 anos, que está ingresado en estado crítico nun hospital da área de Lisboa, en coma inducido segundo algúns medios locais.

O intérprete debátese entre a vida a morte a causa dunha infección producida despois de que, ao parecer, se inxectase testosterona para manterse musculado.

Ângelo Rodrigues foi sometido ata a tres invervencións cirúrxicas tras sufrir unha septicemia; os médicos conseguiron reanimalo dunha parada cardíaca, e necesita hemodiálise ao quedarlle inutilizado un ril.

A prensa portuguesa recolle que o actor puido inxectarse a si mesmo testosterona nos glúteos e que foi iso o que lle causou a septicemia, unha infección xeneralizada que o deixou á beira da morte.

Ângelo Rodrigues saltou á fama en Portugal pola súa participación na serie Morangos com açúcar, emitida recentemente pola TVG.