CRTVG

Buscar

O CSD rexeita a liga de 24 equipos e confirma o descenso do Deportivo a 2ª B

Publicado o 27/08/2020 19:41

• Deportivo e Numancia pedirán medidas cautelarísimas para paralizar a liga

O Consello Superior de Deportes desbloqueou a situación enquistada entre A Liga e a RFEF, que seguiron sen chegar a un acordo, e o vindeiro luns sortearase o calendario da vindeira temporada. Haberá 20 equipos en Primeira e 22 en Segunda, co que o Deportivo descende a Segunda División B. 

A Federación seguía defendendo a Segunda de 24 equipos que protexería a competición de posibles recursos de Deportivo e Numancia diante da xustiza ordinaria. Pero a resolución do TAD acabou por resultar decisiva ao darlle a competencia da decisión ao xuiz da Liga, favorable á resolución do caso a prol dos intereses do Fuenlabrada e da propia Liga. 

O sorteo realizarase o vindeiro luns e a competición comezará a fin de semana do 12-13 de setembro. 

Deportivo e Numancia pedirán medidas cautelarísimas para paralizar a liga

O Deportivo anunciou este xoves que, xunto ao Numancia, pedirá medidas cautelarísimas para paralizar o inicio de LaLiga SmartBank despois de que ambos non fosen incluídos no calendario da categoría de prata,.

O asesor xurídico do Deportivo, Óscar Rama, indicou que os dous clubs solicitarán na xustiza ordinaria esas medidas. Presentaranas, apuntou, nos xulgados do contencioso-administrativo de Madrid e prognosticou que en "4 ou 5 días" obterán "resposta", antes do inicio do campionato, proposto para a fin de semana do 12-13 de setembro.

O Deportivo, ademais, mantén na xustiza ordinaria un recurso pola presunta aliñación indebida do Estremadura no partido cos coruñeses na antepenúltima xornada da categoría de prata.