CRTVG

Buscar

O cranio de Castro Urdiales pertence á parella da detida

Publicado o 03/10/2019 20:52

As análises realizadas ao cranio que unha muller descubriu nunha caixa en Castro Urdiales determinaron que pertence a un bilbaíno de 67 anos, que estaba desaparecido desde o pasado mes de abril. A Garda Civil intenta agora localizar o resto do corpo.

Os axentes levan tres días rexistrando a vivenda que a vítima compartía coa súa parella e única sospeitosa da decapitación. Contan coa axuda de cans especializados na localización de restos humanos. Un destes animais participou na busca de Diana Quer e tamén do pequeno Gabriel Cruz.

Ademais da vivenda, os investigadores ampliaron a busca a uns terreos propiedade do falecido, no barrio de Helguera de Sámano. A familia do home decapitado asegura que a súa parella descoñece o lugar exacto onde están eses terreos.

A detida, sevillana de 61 anos e residente en Castro Urdiales, está en prisión desde o martes. Hai uns anos xa fora detida en Vigo por estafar dous homes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2019