A covid engade atrancos á terapia ocupacional infantil
A pandemia está a engadir dificultades á terapia ocupacional para nenos con problemas no desenvolvemento de actividades cotiás. Se un neno ten aversión á auga, por exemplo, é complicado obrigalo a lavar as mans continuamente, e a incomunicación agrávase coas máscaras.
Os centros de atención ocupacional traballan con nenos que teñen dificultades para vestirse, lavarse, escribir, ler ou relacionarse, habilidades cotiás asociadas ou non a un diagnóstico clínico.
Para algúns destes nenos, acatar as novas normas para frear a covid supón un problema máis, e para os terapeutas unha dificultade engadida.
"Con nenos con problemas comunicativos, por exemplo, a máscara xa nos repercute moito.
Temos que ter unha distancia de seguridade, pero manter unha distancia de seguridade co neno é moi difícil, porque estás co ti a ti con el, traballando man á man", explica Berta Gándaras, directora e terapeuta ocupacional do Centro Tois
Neste centro de Santiago empregan distintos xogos para axudar a superar barreiras en calquera tipo de habilidade.
"Desde erguerme á mañá, cepillar os dentes, ir ao colexio, atender, xogar cos meus amigos e ir durmir, por exemplo".
"A miña compañeira Irene está con Leo traballando as relacións sociais a través do xogo. Sempre imos traballar a través da motivación interna do neno e sempre co xogo. O neno vén aquí e non sabe que está traballando, está a facer unha terapia", engade Gándaras.
Traballan de acordo con pais e profesores para lograr, nun prazo aproximado de tres meses, obxectivos viables segundo a situación de cada neno.