CRTVG

Buscar

O coruñés Jacobo Garrido, mínima para o Campionato do Mundo de natación adaptada

Publicado o 02/04/2019 20:43

O nadador coruñés Jacobo Garrido non puido empezar mellor a temporada: mínima para o Campionato do Mundo de natación adaptada e mellor marca mundial do que levamos de ano nos 400 metros libres. 

Jacobo Garrido, de 16 anos, regresou do Campionato de España de seleccións autonómicas con tres medallas e outras tantas mellores marcas persoais. Lidera a clasificación mundial dos 400 metros na categoría S9 cunha marca de 4 minutos e 22 segundos.

Jacobo Garrido, Club Natación Liceo: "A mínima faime ilusión, pero o que máis ilusión me fai, claramente, é verme primeiro na clasificación".

Jesús de la Fuente, adestrador do Club Natación Liceo: "Sempre dixen que as posibilidades de Jacobo eran infinitas. Dáme a sensación de que hoxe en día estamos para nadar catro segundos máis rápido da marca habitual. Iso equivale a nadar por debaixo de 4,18, que sería unha marca moi boa". 

Jacobo Garrido, Club Natación Liceo: "O meu obxectivo para o Mundial é conseguir medalla. Se vexo que teño posibilidades de ouro, irei polo ouro, pero cunha medalla estaría satisfeito".

Garrido, estudante de primeiro de bacharelato, poderá centrarse noutros obxectivos antes do Mundial. Buscará o récord de Europa dos 800 metros nas Series Mundiais de Berlín e participará no Campionato de España de augas abertas, onde aspira ao podio na remuda cos seus compañeiros de club. 

Jesús de la Fuente, adestrador do Club Natación Liceo: "Que podemos marcar época? Si. O noso obxectivo é chegar a seis Xogos Olímpicos. Hai que empezar polo primeiro e polo momento non o temos. Tampouco esperabamos estar tan pronto nun mundial".

Jacobo Garrido disputará este ano o seu primeiro mundial absoluto.

Noticias web

02/04/2019