CRTVG

Buscar

Son xa cinco os mortos por coronavirus no norte de Italia

Publicado o 24/02/2020 12:25

Unha quinta persoa faleceu en Lombardía, no norte de Italia, polo coronavirus e os casos de contaxio ascenden a 219, informou o xefe da Protección Civil, Angelo Borrelli nunha comparecencia ante os medios. A vítima, da que non se deron máis detalles, súmase ao home de 84 anos falecido tamén esta mañá no hospital Juan XXII de Bérgamo, en Lombardía.

Os tres falecidos anteriores eran unha muller que faleceu na provincia de Cremona, un home de 78 anos de Vo' Euganeo, na provincia de Padua (Véneto) e unha muller de 77 anos que estivo en Codogno e que deu positivo ao virus nunha proba realizada tras a súa morte.

Paralizada a vida pública no norte, víronse afectados eventos de todo tipo, dende partidos de fútbol aos desfiles da Semana da Moda de Milán, pasando polos concertos da Scala.

As aulas pechan en varias localidades das rexións do Piemonte, Véneto e Lombardía. Esta última é a zona onde morreu a terceira vítima italiana do coronavirus, unha muller de idade avanzada que estaba ingresada na unidade de oncoloxía dun hospital. En Lombardía todas as actividades públicas quedaron canceladas ata o un de marzo.

Unha vez que as autoridades prohibiron a entrada e saída de once localidades na provincia de Lodi, a 60 quilómetros de Milán, máis de 50.000 persoas teñen a orde de permaneceren nas súas casas.

Suspéndese tamén o Carnaval de Venecia; nesa cidade hai dous casos confirmados.

As autoridades austríacas cortaron o tráfico ferroviario co país por ter sospeitas de que viaxaban pasaxeiros con coronavirus.

Mentres tanto, as autoridades sanitarias continuan á procura do paciente cero, a persoa que levou o Covid-19 ata Italia.


 

Noticias web

24/02/2020