CRTVG

Buscar

15 días de corentena en toda Francia: "Estamos en guerra"

Publicado o 16/03/2020 23:25

Francia prepárase para o confinamento tras rexistrar nun so día 1.200 casos novos de coronavirus.

"Estamos en guerra", dixo o presidente francés Enmanuel Macron antes de anunciar que a medida comezará a aplicarse este martes, durará quince días prorrogables e obriga a suspender a segunda volta das municipais.

O Goberno francés anunciou que mobilizará máis de 100.000 policías e xendarmes para facer cumprir desde este martes as medidas de confinamento decretadas co obxectivo de frear o avance do coronavirus no país.

Os axentes poderán impoñer multas de ata 135 euros a quen non respecte a consigna de quedar na casa, a non ser que sexa por motivos laborais, sanitarios, alimenticios e, en casos excepcionais, familiares.

Todos os cidadáns deberán xustificar os desprazamentos cun certificado que poderán descargar na internet ou elaborar a man se non dispoñen de impresora, segundo indicou o ministro do Interior Christophe Castaner.

Tamén se empezan a ver reaccións de histeria nos supermercados franceses, como ocorreu en España, ante posibles medidas de illamento.

A OMS avoga por controis masivos

A Organización Mundial da Saúde pide que se fagan probas masivas para detectar o maior número posible de casos. Italia supera os 2.000 mortos. As cifras de infectados seguen subindo, e máis países europeos, como Alemaña, endurecen as medidas para evitar a propagación do virus. Medra tamén a preocupación pola expansión en África, un continente con sistemas sanitarios moi precarios.

A resposta está sendo desigual en Europa. Alemaña, cun milleiro de casos novos nun dia, só acordou o peche parcial da vía pública con limitación na apertura e horario dalgúns comercios.

No Reino Unido, medra a indignación contra Boris Jhonson, que se nega a ir máis aló de recomendar o illamento de anciáns e embarazadas.

Italia continúa sendo o epicentro da epidemia en Europa. Supera os 2000 mortos. Ten 23.000 infectados ainda activos tras sumar 2.500 no último día.

Alemaña sumou un milleiro máis de infectados en só 24 horas, e Angela Merkel decretou un peche parcial da vía pública. Algúns comercios non abrirán e outros limitarán o horario. E no Reino Unido medra o malestar pola decisión do Goberno de Boris Jhonson de limitarse a recomendar que non saían á rúa os vellos e as embarazadas.

Nos Estados Unidos, Donald Trump advirte que a epidemia pode durar ata xullo ou agosto. Recomenda medidas de illamento social pero négase a decretar o toque de queda ou tomar outras medidas federais que lle reclaman os estados mais afectados. A reacción é desigual en función de cada zona do país. Nova York e outros dous estados restrinxen o límite de persoas que se poden reunir e suman ximnasios, casinos e cine ao peche de comercios xa decretado. E pídenlle a Trump que adopte medidas federais.

E preocupa o avance da pandemia en África. Xa hai casos en 30 países, a maioría con sistemas sanitarios moi precarios para facer fronte ao coronavirus.

Noticias web

16/03/2020