CRTVG

Buscar

O coronavirus da China provoca 81 mortos e varios países evacuarán os seus nacionais

Publicado o 27/01/2020 08:45

Na China, segundo os últimos datos que chegan do goberno, rexistráronse, polo momento, case 2.800 infectados polo virus causante da pneumonía de Wuhan. O número de vítimas mortais elévase a 80.

Na cidade illada realízanse controis de temperatura entre a poboación. Pequín prorrogou as vacacións do Ano Novo para conter a propagación do virus atrasando os desprazamentos de volta a casa de millóns de chineses.

Hong Kong prohibiu a entrada de cidadáns da rexión de Hubei. Son medidas reforazadas de control contra o virus.

Varios países que mostraron a súa intención de evacuar os seus nacionais da zona: O Xapón, Francia e os Estados Unidos entre os últmos en anuncialo e España non descarta adoptar a medida para a vintena de españois atrapados pola corentena.

A China rastrexa a orixe do coronavirus e recoñece que fortaleceu a capacidade de propagarse

Expertos chineses recolleron mostras no mercado de Wuhan, onde se detectou a enfermidade por vez primeira, e varias das recollidas na zona onde se comercia con animais salvaxes deron positivo ao coroavirus. Agora están investigando que animal concreto pudio ser a fonte do brote.
Mentres, continúan traballando no desenvolvemento dunha vacina, tras illar a primeira cepa do virus.

Os responsables da Comisión Nacional de Saúde admiten, porén, que, de momento, non saben como vai evolucionar a epidemia e que o coronavirus se está volvendo máis contaxioso e propagando a unha velocidade que desafía o traballo de prevención.

O Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades alertou as autoridades europeas sobre a necesidade de reforzarse contra o coronvirus. Recordou que a detección tardía dun caso importado ou a non aplicación dos controis pertinentes pode derivar nun risco de transmisión moi alto na Unión Europea.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/01/2020