CRTVG

Buscar

O Constitucional avala o despedimento por absentismo laboral xustificado

Publicado o 03/11/2019 15:10

O pleno do Constitucional lexitimou esta semana, por primeira vez, o artigo 52 D do Estatuto dos Traballadores. Modificado na última reforma laboral, establece como procedente o despedimento por absentismo laboral xustificado nunhas porcentaxes determinadas.

"Son para baixas intermitentes de curta duración. No caso de dous meses consecutivos, teñen que superar o 20% das xornadas laborais e ademais o 5% das anuais, nos doce meses anteriores. Para as baixas en meses non consecutivos, a porcentaxe sería do 25% desas xornadas durante catro meses non consecutivos", explica Sandra Vázquez, avogada laboralista.

O artigo chega ao Constitucional tras a demanda interposta por unha traballadora de Barcelona, despedida por sumar nove días de baixas xustificadas, pero intermitentes, nun prazo de dous meses consecutivos. A muller solicitaba a nulidade do despedimento por vulnerar os dereitos humanos.

"A sentenza é controvertida porque hai doce maxistrados no Constitucional e catro deles emiten voto particular en contra. Entenden que este veredicto atenta contra o dereito á saúde, ao traballo, á protección da saúde... todos eles, dereitos recollidos na Constitución", considera a letrada.

Unha das maxistradas que emitiu voto particular considera que neste artigo tamén se percibe unha discriminación indirecta por razón de sexo.

"A muller ten que soportar unha dobre xornada: a familiar e a laboral. E, polo tanto, está máis exposta a sufrir procesos de baixa ou a ter ausencias por cargas familiares. E, probablemente, estará máis preto de estar incursa nestas porcentaxes", asegura Sandra Vázquez.

Varias organizacións laborais e sindicais levan tempo reclamando a derrogación deste artigo no que, critican, prevalece o dereito á produtividade da empresa fronte o dereito á saúde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/11/2019