CRTVG

Buscar

O Consello Nacional do BNG ratificará hoxe a Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta

Publicado o 11/01/2020 09:18
O Consello Nacional do BNG ratificará hoxe a Ana Pontón como candidata á presidencia da Xunta

O BNG celebrará este sábado o primeiro Consello Nacional deste 2020, que terá como punto principal a proclamación da súa voceira nacional, Ana Pontón, como candidata á presidencia da Xunta para as eleccións autonómicas deste ano.   

O nomeamento oficial de Pontón como cabeza de cartel para as galegas, previstas salvo adianto para setembro, terá lugar tras finalizar un proceso de primarias ao que concorreu como única aspirante. Tal e como valora o BNG, a súa voceira nacional cultivou un apoio "practicamente unánime" entre as bases nacionalistas, "sen ningún voto en contra".

Despois de que Pontón sexa proclamada candidata á Xunta, será un dos dous claros cabezas de cartel para os próximos comicios. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, foi nomeado candidato dos socialistas xa en novembro do 2018. Falta saber se o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, optará á reelección, e a fórmula escollida polo "rupturismo" da esquerda galega para concorrer ás urnas. E é que, tras o final do proxecto de En Marea como plataforma, deste espazo político tan só  Esquerda Unida seleccionou xa a súa candidata, a súa coordinadora nacional, Eva Solla, á espera de se repite a súa alianza con Podemos e Anova.