CRTVG

Buscar

Debátese a aplicación das mesmas restricións nas localidades de máis de 100.000 habitantes

Publicado o 30/09/2020 08:15

O Consello Interterritorial de Saúde debate hoxe, ás catro da tarde, se todos os concellos de máis de cen mil habitantes cunha taxa de contaxios elevada teñen as mesmas restricións de mobilidade, capacidade e horarios. Así llelo vai propoñer o Ministerio de Sanidade ás comunidades autónomas tras acordar esta proposta cos responsables da Comunidade de Madrid. 

O principio de acordo entre o Goberno central e a Comunidade de Madrid establece que os municipios con máis de cen mil habitantes e unha incidencia acumulada de 500 casos nos últimos quince días, con positividade superior ao 10 por cento nas PCR e cun índice de ocupación das UCI superior ao 35 %, teñan as mesmas medidas de limitación de mobilidade e de contactos sociais, e tamén de capacidades e horarios. Unha acción coordinada con criterios homoxéneos que reclamaba o Goberno rexional e que o ministro Illa lles proporá esta tarde no Consello Interterritorial de Saúde ás comunidades autónomas.

Desde que as comunidades autónomas acepten este criterio homoxéneo, as medidas entrarán en vigor con carácter inmediato. Sanidade fará hoxe pública a lista de cidades que se axustan a estes novos criterios. Na Comunidade de Madrid celebran o principio de acordo alcanzado co Goberno de España. O vicepresidente Ignacio Aguado valorouno na súa conta de Twitter como un éxito do diálogo. E escribiu: "A unidade salva vidas e empregos".

Na práctica, o acordo significa que é o departamento de Salvador Illa quen toma o control sanitario dos grandes núcleos de poboación, entre eles, os dez grandes municipios da Comunidade de Madrid.

Para municipios de menos de cen mil habitantes, serán os gobernos autonómicos os que tomen a decisión sobre restricións atendendo ás normativas e protocolos estatais.

O Ministerio de Sanidade vai propoñer esta tarde ás comunidades autónomas, na reunión do plenario do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, restrinxir entradas e saídas das persoas que vivan en municipios con máis de 500 casos por 100.000 habitantes, por exemplo Madrid.   

Así se establece no borrador que o ministro de Sanidade, Salvador  Illa, vai presentar aos conselleiros de Sanidade e no que sinala que cando unha comunidade autónoma constante que un municipio cumpre este criterio deberá aplicar estas restricións nun prazo máximo de 48 horas.   

Con todo, esta medida non será de aplicación se, polo menos, o 90 por cento dos casos detectados no municipio se corresponden con brotes non familiares perfectamente identificados e controlados, e se estes foron convenientemente comunicados ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias do Ministerio de Sanidade.   

As propostas de Sanidade son as seguintes:

Restrinxir a entrada e saída das persoas que viven nos devanditos municipios

• Restrinxir a un máximo de seis persoas as reunións familiares e sociais, tanto na vía pública

Pechar os parques infantís de uso público. 

• Reducir a capacidade nos lugares de culto a un terzo, garantindo distancia interpersoal de 1,5 metros

• Máximo de 15 persoas nos velorios ao aire libre e 10 en espazos pechados

• Os establecementos, locais comerciais e servizos abertos ao público, non poderán pechar máis tarde das 20.00 h

• Na hostalería e restauración e de xogos e apostas, non poderán admitirse novos clientes a partir das 22.00 h; a hora de peche non poderá superar as 23.00 h, agás servizos de entrega de comida a domicilio. 

• Capacidade do 50 % en espazos interiores da hostalería e salas de apostas e do 60 % en exteriores; prohibido o consumo en barras; as mesas deberán gardar unha distancia de, polo menos, 1,5 metros; ocupación máxima será de seis persoas por mesa ou agrupación de mesas. 

• As academias, autoescolas e centros privados de ensinos non regrados e centros de formación terán que ter unha capacidade do 50 % mentres que nas instalacións deportivas redúcese ao 50 % en interiores e ao 60 % en exteriores e os grupos só poderán ser de seis persoas.   

 

 

Noticias web

30/09/2020