CRTVG

Buscar

O Consello de ministros impón a economía de mínimos para evitar o colapso sanitario

Publicado o 29/03/2020 21:46

A economía española entra en fase de letargo para permitir ao sistema sanitario gañar tempo. O Consello de Ministros extraordinario aprobaba este domingo o real decreto que regula o permiso retribuído para os traballadores de servizos non esenciais desde mañá ata o 9 de abril, xoves santo.

A ministra voceira do Goberno, María Jesús Montero, eludiu as diversas preguntas sobre se os datos de contaxio de coronavirus son peores do previsto e están detrás desta decisión. Limitouse a sinalar que se trata de evitar a saturación do sistema sanitario: "Tennos que permitir rabuñar esas décimas de mobilidade que queremos conseguir para que durante a próxima semana e a que vén, que son as semanas nas que probablemente necesitemos dunha maior utilización dos servizos sanitarios, entre todos contribuamos a que estes servizos sigan proporcionando unha atención sanitaria de calidade á medida do que é o funcionameneto habitual do noso sistema de saúde: estar tensionado, pero non saturado".

Aínda así, varios centos de miles de persoas seguirán traballando. Son as que se incluían no longo listado de servizos esencias cando se decretou o estado de alarma. Non poden desantenderse áreas como a sanitaria, alimentaria, faramacéutica ou de distrubución de produtos básicos, entre outras moitas. E, por suposto, exército e corpos de seguridade seguirán con actividade plena.
Sectores como a construción de vivendas e de obra civil ou boa parte da industria non prioitaria nestes momentos acolleranse ao permiso retribuído.

"É un permiso en que todas as partes ceden. Os empresarios, neste momento, teñen que garantir o cobramento das retribucións completas dos traballadores e das traballadoras. Pero os traballadores e as traballadoras tamén cedemos, pois temos que devolverlle ao empresario e á empresaria ata antes do 31 de decembro as horas que pasamos a non traballar", explicou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz.

Quedan fóra deste permiso os que realizan teletraballo, os xa acolidos a ERTE, os afectados por incapaciade temporal e as persoas de baixa por maternidade e paternidade.

Noticias web

29/03/2020