CRTVG

Buscar

O Goberno xustifica o pacto con Bildu para asegurar o estado de alarma e carga contra PP e ERC

Publicado o 22/05/2020 17:22

A portavoz do Goberno, María Jesús Montero, defendeu o pacto alcanzado o mércores con EH-Bildu e lamentou que os partidos do Goberno se sentiron "sós" ante esta crise pola falta de apoio tanto do PP, que aproveita "coa calculadora de votos", como dalgúns da esquerda.

Ante a situación de crise que vive España, non poden permitirse "vetos contrapostos", advertiu, que fagan imposibles os acordos e é necesario "amarrar apoios" para defender a saúde dos españois. Na conferencia de prensa tras o Consello de Ministros deste venres, criticou a postura dos que votaron non á prórroga do estado do alarma, tanto do PP, que está "na España do non", como dalgúns dos partidos da esquerda, como ERC, aínda que sen nomealo. Recriminou a "dinámica de negociación imposible" de quen votou que non "cos dedos cruzados", coa esperanza de que saíse adiante o estado de alarma, pero sen o seu apoio.

Reprochou que cada un deles manteñan o seu "reconto particular de votos" antepoñendo os intereses partidistas aos do conxunto da poboación. Pola súa banda, o Goberno "non vai escatimar ningún esforzo" para chegar a acordos cos que poder adoptar medidas para preservar a saúde dos españois "por moitas lecturas externas" que poida haber ou que este tipo de negociacións poida "xerar ruído". 

Diálogo social

O Goberno di que o diálogo social é "máis importante que nunca". "Só da man do diálogo social chegamos a acordos importantes e beneficiosos para todas as partes", subliñou Montero. "A intención do Goberno é e será a negociación de todas as cuestións laborais no marco do dialogo social (entre patronal e sindicatos), é o lugar idóneo", engadiu. 

Confrontación política

O PSOE xustifica o acordo con Bildu na necesidade de sacar adiante a prórroga para salvar vidas.
Pero non está claro cal será o alcance do pacto. En Podemos insisten: van eliminar por completo a reforma do PP a pesar do ruído. Pero teñen en fronte a vicepresidenta económica, que desautoriza esa derrogación total.

Ciudadanos cualifica de disparate o acordo con Bildu, pero seguen dispostos a negociar co Goberno.

No PP din que o PSOE non merece a Pedro Sánchez, e anuncian que pedirán responsabilidades políticas no Congreso.

Noticias web

22/05/2020