CRTVG

Buscar

O conselleiro de Sanidade destaca "a anticipación" da Xunta na pandemia e a oposición critica o seu "triunfalismo"

Publicado o 22/04/2020 22:50

O conselleiro de Sanidade ratificou que Galicia está no descenso da curva da pandemia e destacou que ningún enfermo quedou sen atender. Foi na comparecencia na Deputación Permanente. A oposición criticou o "triunfalismo" da Xunta e reprochou a falta de medios e persoal sanitario. No PP apuntan que Galicia non estaría entre as menos afectadas se a sanidade estivese como di a oposición.

Cun minuto de silencio polas vítimas da COVID-19 arrancou a Deputación Permanente, o órgano de garda do Parlamento, dado que a Cámara está disolta. O conselleiro de Sanidade compareceu a pedimento propio para dar conta da evolución da pandemia. Vázquez Almuíña dixo que ante o maior reto da historia sanitaria de Galicia, os esforzos da Xunta centráronse en adiantarse e minimizar o impacto na poboación. Recordou que a taxa de letalidade é a máis baixa de España.

"Creo que temos que sentirnos orgullos dos profesionais do sistema sanitario galego porque creo que se reaccionou axeitadamente a algo que non estaba escrito. Non quedou ningún paciente sen recibir o tratamento que necesitaba. Non houbo ningunha limitación, non houbo ningún criterio que non fora o profesional, de necesidade dun tratamento ou outro tratamento", dixo Xesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade.

Os grupos da oposición reprobaron a falta de humildade e triunfalismo da Xunta e do seu presidente na xestión da crise do coronavirus. E coincidiron en sinalar que Galicia chegou a esta crise tras anos de redución de medios e persoal sanitario.

"A Consellería só actúa cando ve comprometida a súa imaxe pública. O Sergas segue contratando persoal por días, semanas ou períodos moi curtos de tempo", asegura Davide Rodríguez, voceiro do Grupo Mixto.
"No BNG, o primeiro que lle queremos pedir é modestia cero e triunfalismo cero. Non hai motivos para ningún tipo de triunfalismo no medio dunha pandemia que deixa máis de 470 persoas falecidas", afirma Ana Pontón voceira do  BNG.
"Esa é a verdadeora faciana do Partido Popular nesta crise: deslealdade absoluta, campañas de intoxicación, de mentira, para facernos crer que aquí todo se fai ben e todo o que se fai mal é culpa dos demais", di Antón Sánchez, voceiro do Grupo Común da Esquerda.
"Chegamos a unha situación como esta co sistema sanitario galego debilitado, con menos profesionais dos que podía haber, con menos mecanismos, máis descapitalizado. Esa é a realidade. Agora temos que atender esta crise e para iso ten vostede todo o apoio do Partido Socialisa de Galicia", di Gonzalo Caballero voceiro do  PSdeG.

A oposición pediu ademais a comparencia do presidente da Xunta. O voceiro do grupo Popular respondeulles que xa compareceu a metade do Goberno galego pola pandemia. Pedro Puy incidiu en que os datos acreditan que a situación de Galicia "é menos mala que no conxunto de España" e que sería imposible se a sanidade estivese como di a oposición.

"A sanidade pública galega superou o maior test de estrés dos últimos anos e, simplemente con iso, desfaise todo o discurso que vostedes teñen sobre a sanidade pública de Galicia nos últimos tempos. Eu quero pedir desculpas, mesmo polos meus discursos. Creo que cando está morrendo xente facer un debate sobre sanidade e non escoitar, agás as do conselleiro, ningunha proposta proactiva en materia de sanidade paréceme triste. Eu pido desculpas", asegura Pedro Puy, voceiro do PP.

Noticias web

22/04/2020