CRTVG

Buscar

O conselleiro de Sanidade di que a situación en Galicia na segunda vaga "é boa"

Publicado o 04/10/2020 15:07

Na súa primeira entrevista como conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña destacou na Radio Galega a evolución na nosa comunidade da segunda vaga da pandemia respecto ao resto de España. Apelando á cautela, sinalou que a situación aquí "é boa", grazas ás medidas tomadas e ao esforzo dos profesionais e dos cidadáns. Asegurou ademais que, polo momento, nos se aprecia en xeral transmisión do virus na comunidade escolar. 

"Onte eramos a primeira comunidade con menor incidencia acumulada en 14 días, mantémonos entre o segundo e terceiro lugar". Defende a postura da Xunta no último consello interterritorial de saúde. Asegura que en Galicia se están a aplicar medidas estritas mesmo antes de chegarse a cumprir os criterios marcados polo Ministerio de Sanidade.

"Agora mesmo a cidade que podería estar máis preto podería ser Ourense, estando lonxe da incidencia acumulada, pero nós estamos actuando con outros criterios, tan críticos como os aplicados no barrio do Couto".

Sobre o comezo do curso escolar, García Comesaña asegurou que, polo momento, non se aprecia en xeral transmisión nos centros educativos.

"Ata o de agora estamos vendo un nivel de contaxios relativamente pequeno e sempre con orixe no ámbito extraeducativo. Con algunha excepción destes días, temos un positivo ou dous positivos que adoitan ser irmáns".

Avanza, ademais, que nos vindeiros días se poñerá en marcha a aplicación galega Pass covid, que complementará a do Goberno central Radar covid. Canto á campaña de vacinación da gripe, o conselleiro espera que este ano se alcance unha taxa alta.

Noticias web

04/10/2020