CRTVG

Buscar

O Congreso tramitará a lei de eutanasia coa oposición de PP e Vox

Publicado o 11/02/2020 20:38

O Congreso tramitará a lei de eutanasia cun amplo apoio e a oposición de PP e Vox.  No debate houbo varias referencias ao galego Ramón Sampedro, o primeiro que reclamou este dereito en España.

A exministra de sanidade María Luisa Carcedo defendeu a proposición de lei socialista para despenalizar e regularizar a eutanasia dentro do sistema sanitario público. Asegurou que debe ser un dereito individual e libre cando existe un sufrimento extremo por enfermidade invalidante que non supoña unha morte inmediata. E apelou ao apoio de todos os grupos.

"Non é a súa ideoloxía a que vai contar. Por favor, permitan que un novo dereito aflore na cidadanía española. Teñamos un novo dereito e quen non queira que o use e quen queira que non o use. Pero non impidamos que quen queira poida exercelo", dixo Carcedo.

Pero o Partido Popular e Vox manifestáronse en contra de regularizar a eutanasia. Acusaron o Goberno de pretender reducir custos sociosanitarios. E propuxeron como alternativa unha lei de coidados paliativos.

"Entre a dor e a eutanasia están os coidados paliativos" O estado de benestar non é indicarlles o camiño de saída, exit. Ese é o seu proxecto, a mensaxe ás persoas maiores e aos doentes crónicos e complexos deste país, asegurou o popular José Ignacio Echániz.

"Deciden que os enfermos crónicos deben ser eliminados porque son un peso económico e social do que a sociedade debe verse liberada", afirmou a deputada de Vox Lourdes Méndez Monasterio.
"Os coidados paliativos non solucionan todos os casos, non garanten a morte digna en todos os casos. A posición da dereita respecto da eutanasia é 'que se foda Ramón Sampedro'", replicou Pablo Echenique, de Unidas Podemos.

O BNG sumouse á defensa do dereito a unha morte digna. "E a facelo ademais de xeito pacífico e indoloro coa axuda que sexa precisa", reclamou o seu deputado, Néstor Rego.

Ciudadanos situouse entre os grupos que apoiaron a necesidade de contar en España cunha lei da eutanasia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2020