CRTVG

Buscar

O Congreso avala a prórroga do estado de alarma que se prevé que non sexa a última

Publicado o 09/04/2020 17:16

• As medidas económicas saen adiante con maioría de abstencións

• O presidente do Goberno chama todos os partidos a un gran pacto 

O Congreso dálle o visto e prace a prórroga do estado de alarma ata o 26 de abril. O Goberno obtén a autorización da Cámara Baixa para a segunda ampliación do estado de alarma, aínda que o fai con menos apoios que hai quince días cando pedía a primeira prórroga.

O Congreso acaba de autorizar a segunda prórroga do estado de alarma ata o 26 de abril. Pero parece que non vai ser a derradeira. O presidente do Goberno di estar convencido de que terá pedir outra prórroga máis. De ser así, o estado de alarma estenderíase ata o 10 de maio.

"Xa lles adianto que estou convencido de que dentro de 15 días vou ter que volver pedir unha nova prórroga do estado de alarma. Se pido un decreto de alarma dun mes a oposición di que quero saltar o Parlamento asi que prefiro vir cada quince a esta Cámara a pedir a prórroga do decreto de alarma. Evidentemente dentro de quince días estou convencido de que terei que volver vir porque estou convencido de que a pandemia non estará rematada", di Pedro Sánchez,  o presidente do Goberno.

Pedro Sánchez citou para a semana que vén os partidos políticos para comezar a falar dos novos Pactos da Moncloa que quere impulsar e fíxoo nun debate no Congreso que deixou clara a profunda división política que hai pola crise do coronavirus e a súa xestión. O pleno da Cámara Baixa debatiu a a segunda prórroga do decreto do estado de alarma, que en calquera caso vai volver a ampliar máis aló do 25 de abril, segundo confirmou o propio Sánchez.

Manter o estado de alarma segue sendo esencial, advertiu Sánchez, quen insistiu en pedir a lealdade da oposición, porque "non se pode vencer a pandemia se non hai unha unidade en torno ao Goberno". Unha unidade que cre imprescindible tamén en Europa. Advertiu de que o proxecto europeo está "en perigo" se a UE non aplica a solidariedade "sen fisuras" ante esta crise, con emisión de eurobonos agora e máis adiante cun novo Plan Marshall.

E reclamou aos demais partidos, con especial énfase ao PP, que exerzan a súa "influencia" ante os seus correlixionarios europeos para facer ver que esta crise non distingue entre norte e sur ou esquerda e dereita e debe abordarse de forma global. "Só o que non cre na política como instrumento para o acordo renuncia ao acordo antes de tentalo", advertiu Sánchez ao pedir aos partidos que acudan a súa cita para buscar un gran acordo nacional, no que quere que estean tamén os axentes sociais e as comunidades autónomas.

Sánchez pide unidade para pactar a reconstrución de España 

Cun minuto de silencio arrancou o pleno do Congreso para debater a segunda prórroga do estado de alarma. Igual que na primeira, a presenza de deputados volveu ser reducida.

O grupo Socialista dirixiu a súa intervención, case en exclusiva, ao líder do PP, ao que acusou de deselealdade co Goberno. "É unha estratexia indigna e danosa para este país que tanto din amar pero que non paran de dividir e enfrontar. Chove sobre mollado. Vemos que agora tampouco podemos contar con vostede. Señor Casado, este erro vaino perseguir toda a súa vida", di Adriana Lastra do PSOE.

Vista a intervención do grupo Socialista, Pablo Casado preguntouse se realmente o Gobeno quere o apoio do Partido Popular. Pablo Casado puxo en cuestión o cómputo dos falecementos por coronavirus e acusou a Pedro Sánchez de chegar tarde a todo na xestión da pandemia.
 

"A súa autoridade moral para pedir agora lealdade é nula. De verdade mantén que fixo todo ben?, cre como o seu ministo que este Goberno non ten absolutamente nada do que arrepentirse?. Na primeira votación do estado de alarma, hai un mes, díxenlle que non estaba só. Na segunda que isto non ía ben. E hoxe debo dicirlle así non", asegura Pablo Casado do PP.

Tamén Vox puxo enriba da mesa o reconto dos falecementos."Vostedes minten en todo ultimamente. Pensan que por repetir unha mentira mil veces vai acabar sendo verdade. Imos votar que non e ímolo facer porque é unha irresponsabilidade grandrísima darlles poder cando nin sequera sabemos canta vítimas hai pola súa nefasta xestión. España ten maior taxa de mortalidade do mundo", afirma Santiago Abascal de Vox.

Unidas Podemos censurou a deslealdade da oposición. Echenique foi especialmente crítico con Vox.
"Utilizar a mentira e o odio cando milleiros de compatriotas están morrendo e millóns están xogandoa vida para protexernos non é defender ningunha posición política. É ser miserable", Pablo Echenique de Unidas Podemos.

Desde o BNG criticaron que o Goberno optase por centralizar a xestión da crise sanitaria.
"O Estado foi incapaz de xestionar unha situación para a que nin estaba nin se preparara. O Goberno puido optar por coordinar os esforzos de quen ten que traballar sobre o terreo pero optou por centralizar", afirma Néstor Rego do BNG.

Sobre o recontos dos falecementos dixo Sanchez que España segue os protocolos internacionais. O presidente do Goberno dixo que non é tempo de discusións e fixo un chamamento á unidade.
"A bandeira que España necesita é a bandeira da unidade. Nestes momentos de crise é cando debemos estar máis unidos ca nunca. Non son tempos de discusións estériles que nos distraian da única batalla que importa que é vencer ao virus. Convoco a próxima semana a unha reunión a todas as forzas políticas que queiran participar deste grande acordo económico e social para a reconstrución do noso país. Só lles pido o que lles podo ofrecer: unidade e lealdade", di Pedro Sánchez, presidente do Goberno.

As medidas económicas saen adiante con maioría de abstencións

Resumiao con esta frase Gabriel Rufian. ”Este real decreto sairá, pero cada vez máis xustos”

Anticipaba o voceiro de Esquerra a súa abstención ante unhas medidas económicas, dixo, pouco consensuadas. Coma el, PNV ou Junts per Cat criticaban que algunhas se tomen a costa de fondos autonómicos de emprego. O BNG lamentaba que non se optase por gravar ás grandes fortunas ou por nacionalizar sectores estratéxicos.

Néstor Rego, do BNG, critica que "o Goberno non foi quen de adoptar solucións valentes"

VOX e Unidas Podemos cruzaban reproches ideolóxicos. Para Macarena Olona, de VOX, as medidas supoñen "un novo avance nas aspiracións chavistas do señor Pablo Iglesias". Txema Guijarro, de Unidas Podemos, lamenta que "as dereitas non viron mellor oportunidade para medrar e defender os intereses de parte que este momento de crise"

Para o PP, o decreto é insuficiente para os autónomos, lamenta que non se negociase co sector privado e chama a Sánchez, presidente a posteriori. Segundo Mario Garcés, do PP,  "non houbo unha anticipación suficiente para dar cobertura tanto á crise sanitaria como á crise económica"

A vicepresidenta defendía a necesidade dos microcréditos para pagar alugueiros ou da moratoria nas cotizacións sociais dos autónomos coa vista posta no día seguinte á fin do confinamento. Nadia Calviño resumía o obxectivo en "conseguir que a nosa economía e a nosa sociedade se manteñan nas mellores condicións posibles durante este tempo excepcional, de xeito que cando por fin entremos na fase de desescalada das medidas de contención e relanzamento do país teñamos unha boa base sobre a que reactivarnos"

Calviño anticipou que este venres, o Goberno aprobará máis avais para autónomos e pequenas empresas.