CRTVG

Buscar

O Congreso dálle luz verde á Lei de crédito hipotecario

Publicado o 21/02/2019 08:35

 • A nova lei eleva a doce meses de impago o prazo para poder desafiuzar

Previsiblemente, o texto final da nova lei non recollerá a maioría das emendas incluídas polo PP no Senado. Tampouco a supresión do Imposto de Actos Xurídicos Documentados que propuxeron os populares.

Desde o PSOE argumentan que se trata dun ingreso importante para as comunidades autónomas e que non ten sentido suprimilo agora que o pagan os bancos.

Tras a polémica pola decisión do Supremo, ditando que o Imposto de Actos Xurídicos Documentados o pagarían os clientes, o Goberno tomara a decisión de que no sucesivo, sexan as entidades financeiras as que aboen un imposto que reciben integramente as arcas da comunidades autónomas.

O previsible é que, tras a votación de hoxe no Congreso, a proposta quede así, e non se inclúa a emenda dos populares para directamente suprimir ese imposto.

- O Goberno defende unha prima única fronte á renovación anual do seguro: tamén no Senado, populares e grupo mixto engadiron a obriga de que as entidades financeiras lles ofrezan aos clientes a posibilidade de contratar pólizas de seguros, asociadas ás hipotecas, que poderían renovarse anualmente sen custe. No goberno entenden, sen embargo, que unha prima única favorece máis a protección do consumidor.

- As taxas de amortización anticipada rebáixanse ao 2 %: outra das diferenzas entre Goberno e PP está nas taxas pola amortización anticipada. O 2 % por cento se se fai nos primeiros 10 anos, fronte ao 4 % que os populares aprobaron no Senado e que hoxe será, previsiblemente rexeitado.

- O mínimo para os desafiuzamentos serán 12 meses de falta de pagamento: a nova lei inclúe tamén novidades que afectarán os desafiuzamentos. O límite de falta de pagamento para que o banco puidese realizar a execución hipotecaria, é dicir, quedar co piso, era de tres cotas e pasan a ser 12 meses ou 15, dependendo de se a falta de pagamento se produce na primeira ou na segunda metade da duración da hipoteca.

Por último, o PP tratou de incluír un crédito verde para proxectos de mellora enerxérica dos fogares. Sen estar en contra, PSOE, Ciudadanos e tamén PNV anunciaron que o rexeitarán para regular esa posibilidade dun xeito máis amplo e mellorado.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2019