CRTVG

Buscar

O Congreso aproba este xoves a segunda prórroga do estado de alarma

Publicado o 09/04/2020 07:41
O Congreso aproba este xoves a segunda prórroga do estado de alarma

O Congreso dos Deputados autorizará previsiblemente este xoves a segunda prórroga do estado de alarma ao manterse no "si" o PP e Ciudadanos, aínda que iso non evitará que critiquen ao presidente, Pedro Sánchez, pola xestión que está a encabezar.

O debate para a autorización da primeira prórroga, ata o final da xornada do próximo sábado, culminou nunha votación na que non se rexistrou ningún voto en contra, a pesar de que durante as súas intervencións practicamente todos os portavoces parlamentarias puxeron o acento naquilo no que non estaban de acordo.

Ese nivel de respaldo parlamentario seguirá sendo moi folgado tras a votación deste xoves para autorizar a segunda prórroga ata o 26 de abril, a condición de que se confirme o apoio de PP e de  Cs. Uniríanse así ao PSOE, a Unidas Podemos e a partidos minoritarios como Más País,  Compromís, CC ou UPN.

Pero non se vai repetir a ausencia de votos en contra porque dúas formacións optaron por desmarcarse: a  CUP avanzou que así votará, en tanto que Vox parece moverse entre a abstención e o "non".

A segunda prórroga do estado de alarma provocará que os españois pasen, polo menos, un mes e medio confinados nos seus fogares. Foi a medida principal para aplacar a subida exponencial de contaxios por coronavirus.

Non é, con todo, a medida máis difícil, como recoñeceu este xoves o Goberno. As etapas que se aveciñan, dentro da loita contra a pandemia de COVID-19, terán que evitar novos brotes. Ata que chegue ese momento Sánchez terá que confrontar a súa xestión coa visión dos grupos de oposición, que se foi enrarecendo, ata o punto de que o PP votará este xoves en contra de dous dos últimos decretos-leis.

Porque o Congreso, ademais de debater o aval a unha segunda prórroga, acollerá a validación de tres decretos leis destinados a aliviar as severas consecuencias económicas e sociais que está a xerar o coronavirus. É máis que probable que o Goberno teña que acometer cambios neles.

A sesión deste xoves será a terceira nun mes co hemiciclo practicamente baleiro e o voto telemático xeneralizado. Pedírono un total de 307 deputados nunha cámara de 350, o que indica o número de parlamentarios que asistirán ao Congreso.

O presidente, ás 9.00 horas, será o encargado de iniciar a sesión coa exposición dos motivos que levaron ao seu Goberno para pedir unha nova prórroga do estado de alarma.