CRTVG

Buscar

O apoio do PNV facilitará a nova prorrogación do estado de alarma

Publicado o 20/05/2020 14:52

• Sánchez: "Ninguén ten dereito a estragar o conseguido"

• Casado cre que o plan de desescalada do Goberno "foi un fracaso"

• Cs advírtelle ao Goberno que o seu voto favorable é "aos españois"

• O BNG insiste en que se supere a división "anacrónica" entre provincias

 

 

O voceiro do PNV no Congreso, Aitor Esteban, anunciou o voto positivo do seu grupo á quinta prorrogación do estado de alarma proposta polo Goberno, un apoio que será decisivo na axustada votación que se prevé.

Esteban dixo que a nova prórroga "vai na liña" das demadas do seu partido, ao afondar na "cogobernanza" e o fomento do diálogo coas comunidades autónomas.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, demandou o apoio do pleno do Congreso a unha nova prorrogación de 15 días do estado de alarma "unicamente para salvar vidas". Na súa intervención esta mañá, Sánchez insistiu na necesidade da prórroga porque "son os cidadáns e cidadás españois os que pararon o virus" e "ninguén ten dereito a estragar o que conseguimos".

O xefe do Executivo recalcou que "o estado de alarma funcionou". Esgrimiu para iso os datos de curacións e redución dos contaxios, e insistiu en que o esta figura legal está "no núcleo principal do noso sistema lexislativo que é a Constitución española". Neste sentido, dixo que o que piden algunhas forzas é substituílo por "un rosario de leis ordinarias concibidas para situacións ordinarias" que só serviría "para entorpecer o proceso xurídico, desviar a enerxía e encerellar a coordinación coas administracións nun momento crítico".

Sánchez avanzou a intención do Goberno de empezar a negociar a modificación de varias leis para garantir a correcta gobernanza coas comunidades autónomas, e citou a Lei xeral de sanidade, a Lei de saúde pública e a Lei de seguridade de 2015. Engadiu que son "reformas necesarias" coa finalidade de xestionar a pandemia cando se levante o estado de alarma".

O presidente dixo que a prórroga proposta limita ao ministro de Sanidade a competencia delegada, e lembrou que rexerá o principio básico de cogobernanza. Nese sentido advertiu que"non hai que confundir a cidadanía" porque "as comunidades autónomas sempre mantiveron a capacidade de xestión". E remarcou que "o Goberno establece o marco xurídico, pero non substituíu as comunidades autónomas", que "nunca perderon a corresponsabilidade no exercicio das súas competencias".

"O seu plan foi un fracaso"

O presidente do PP, Pablo Casado, replicou con dureza a intervención do presidente. "O seu plan foi un fracaso", sentenciou, tras asegurar que "a neglixencia do Goberno impediu salvar miles de vidas e millóns de empregos". Por iso, dixo Casado, "súa é a responsabilidade" porque "non quixo contar con ninguén", e, daquela, "a historia non o absolverá".

Acusou a Sánchez de pedir axuda para evitar o caos, cando "o caos é vostede", e reprochoulle a imposición á cidadanía dunha "brutal reclusión" que de continuar "acabaría co noso estado de benestar".

Segundo Casado, o Goberno aproveitou a excepcionalidade "para aprobar un bosque de 210 normas excepcionais". Ademais, dixo que Pedro Sánchez "volve traer aquí o seu frustrado plan A, e o resultado é o plan D de sempre: débeda, déficit, desemprego, dispendio e depresión". 

Fronte a isto, Casado propuxo medidas como o reforzo da atención primaria domiciliaria, telefónica e telemática, a creación dun "pool nacional de persoal de reforzo" e a obrigatoriedade do uso das máscaras, que "non fixeron antes pola súa incapacidade para compralas". Tamén propuxo un plan "para evitar o rescate e os recortes sociais aos que nos dirixe este Goberno" e a apertura dun "ciclo reformista para recuperar a competitividade e a flexibilidade".

Estado de alarma "ilegal"

O líder de Vox, Santiago Abascal, puxo en dúbida as cifras oficiais de mortos. "27.000? Máis ben 50.000, pero saberémolo", dixo, para acusar o Goberno de coñecer a letalidade do virus en febreiro. Por iso, advertiu que non descansará ata que se faga xustiza. 

Abascal dixo que a quinta prórroga do estado de alarma é "ilegal" e advertiu de que o plan "deliberado" de Sánchez é seguir a axenda dos seus socios de Goberno baseada, dixo, en destruír emprego e empresas.

"Á esquerda nunca lle gustou a nación, preferiu a loita de clase", dixo, para engadir que "a revolta das cazolas xa se estendeu por todos os barrios e por toda España, por moito que se empeñe o señor Marlaska". O líder ultradereitista chamou a protestar porque "a España dos balcóns e as cazolas é imparable".

Na súa réplica aos grupos, Pedro Sánchez lamentou que Pablo Casado, "entre serlles útil aos españois e abrazar a ultradereita" elixira o segundo.  Ademais, acusou tanto o PP como a Vox "de usar un virus para derrocar o Goberno". 

O presidente do Goberno acusou o PP de carecer de argumentos e de "dimitir da principal responsabilidade como líder da oposición". Espetoulle que non ten alternativa á proposta do Goberno e de estar, pola contra, "contribuíndo á estratexia da ultradereita". Nese sentido, espetoulle ao responsable de Vox que critique a falta de querencia a España do PSOE e UP. "Pero a España que vostede defende é moi pequeniña e só responde ao discurso do odio".

"Menos mal que estamos"

Desde Unidas Podemos, Pablo Echenique, resumiu a súa intervención afirmando que “estamos mal, pero menos mal que estamos e que non están vostedes”.

Dirixíndose a Pablo Casado, dixo que “xa sabemos o que faría vostede no noso lugar, actuaría como Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid”, para engadir que “dá pánico con só imaxinalo”. A presidenta madrileña, “unha Trump castiza” segundo Echenique, é o modelo a seguir polo líder do PP. Nese sentido, o voceiro de Unidas Podemos fixo referencia ás medidas polémicas adoptadas por Díaz Ayuso, como a comida rápida destinada aos nenos máis vulnerables ou as súas manifestacións públicas “animando manifestacións nos barrios máis poderosos que poñen en risco a saúde de todos”.

“Non tome os españois por idiotas”, dixo, para engadir que a pesar do mando único “as comunidades autónomas retiveron as súas competencias e ”Ayuso, o seu modelo a seguir, ten os peores datos” da pandemia.

O apoio de Cs

O voceiro adxunto de Cs, Edmundo Bal, con quen o Goberno pactou onte o seu apoio á quinta prorrogación do estado de alarma, advertiulle ao presidente que "non ten un novo socio porque os seus socios son os que o deixan na estacada".

Engadiu que o apoio do seu partido obedece a que "é un partido de Estado" e polo tanto "votamos si aos españois e só aos españois".

O BNG abstense

Desde o BNG, Néstor Rego insistiu en que na desescalada é necesario superar a división provincial, que "non responde a ningunha realidade, máis ben é percibida como un anacronismo". Pero Sánchez, aínda que dixo que "a situación epidemiolóxica en Galicia vai permitir que iso poida acontecer axiña", rebateu esta demanda dicindo que "nós seguimos criterios científicos".

Rego puxo tamén o acento nos criterios "prexudiciais" para a repartición de axudas nas comunidades autónomas. Citou como exemplo "que se valoren aspectos como o esforzo económico e se obvien outros como a dispersión e o envellecemento da poboación".

Concluíu dicindo que o PSOE e UP se equivocan "buscando apoios á súa dereita e non na esquerda e no soberanismo" para rematar asegurando: "Din que son un Goberno que escoita; escoiten a voz do pobo galego".

Pola súa banda, o voceiro de ERC, Gabriel Rufián, reprochoulle a Pedro Sánchez que levara por diante, "quizais de forma irremediable", dixo, o "espírito" da investidura, ao pactar a prórroga con Ciudadanos, e non co seu partido.

Semella que os contactos entre o Goberno e a formación republicana non deron froitos e non terá o seu apoio. Rufián acusou o Goberno de "xogar á chantaxe" nas negociacións.

Na súa resposta a ERC, Sánchez garantiulle que mantén os seus compromisos de investidura, e comprometeuse a seguir dialogando con ese partido ao longo da lexislatura.

Compromís votará non á nova extensión da alarma. Joan Baldoví amosou a súa "decepción" co Goberno e acusouno de faltarlles ao respecto aos valencianos por negarlles un fondo de financiamento, pero pactar con quen "branquean a ultradereita".

EH Bildu anunciou a abstención do seu grupo na votación. Dáse por feito, daquela, que o Goberno aceptou a demanda manifestada pola voceira da formación vasca, Mertxe Aizpurua, que lle advertira ao presidente que estaban "á espera" de coñecer se está disposto a acordar a derrogación da reforma laboral, tal e como quere o seu grupo. Aizpurua felicitouse porque "cando hai vontade, hai avances".

JxCat confirmou o seu voto en contra da proposta do Executivo polo seu "atropelo ao autogoberno", segundo dixo a deputada Laura Borràs, que rexeitou a cogobernanza desta nova fase por "inconcreta".

Duante a súa intervención, a voceira socialista, Adriana Lastra, interrompeu o discurso para dirixirse ao deputado do PP José Luis Echániz: "Estasme ameazando?" díxolle. Segundo fontes parlamentarias, este, desde o seu escano, respondeulle: "Vaste enterar".