CRTVG

Buscar

O Congreso acolle un pleno histórico nun hemiciclo case baleiro e sen prensa

Publicado o 18/03/2020 07:15
O Congreso acolle un pleno histórico nun hemiciclo case baleiro e sen prensa

O Congreso dos Deputados acollerá este mércores un pleno histórico por mor da comparecencia do presidente do Goberno Pedro Sánchez, o decreto do estado de alarma e porque terá lugar nun hemiciclo case baleiro e sen medios de comunicación.

Debido precisamente ao estado de alarma en vigor desde o sábado e por razóns de seguridade (evitar contaxios), os xornalistas non accederán ao Congreso para cubrir in situ a que posiblemente sexa a comparecencia máis importante das últimas décadas.

Non hai precedentes históricos dun decreto de estado de alarma como o que está actualmente en vigor para facer fronte ao aumento exponencial de contaxios por COVID-19, cuxo número superou xa os 11.000.

Tampouco hai precedentes dun decreto como o que este martes aprobou o Consello de Ministros, que supoñerá a mobilización de 200.000 millóns de euros, o 20 por cento do PIB, para salvagardar unha actividade económica que se freou "en seco", en palabras de Sánchez, e que probablemente siga detida varias semanas máis.

De ambos falará Sánchez a partir das 9:00 horas ante unha concorrencia de aproximadamente 30 deputados, sen contar os que sexan tamén ministros. O hemiciclo ten 350 escanos.

A excepcionalidade do momento e a emerxencia sanitaria obrigou á presidenta do Congreso  Meritxell Batet e aos grupos parlamentarios a acordaren unha fórmula que permita este mércores unha representación acorde co número de deputados de cada un deles.

O PSOE estará representado por Adriana Lastra e cinco parlamentarios máis, todos provenientes de Madrid porque os doutras provincias teñen prohibido viaxar; o PP terá a Pablo Casado á fronte e a catro deputados, entre eles Teodoro García Egea e Cayetana Álvarez de Toledo. Vox reaparecerá a pesar de non completar integramente o prazo de corentena, próximo a terminar, de todas as formas. Acudirá o seu portavoz, Iván Espinosa de los Monteros, que recentemente fixo a proba e deu negativo, e dous parlamentarios máis da mesma formación. Pablo Echenique e Enrique Santiago representarán a Unidas Podemos, Gabriel Rufián a ERC e Aitor Esteban ao PNV. Do Grupo Mixto estarán Sergio Sayas, de UPN; Isidro Martínez Oblanca, de Foro, e Tomás Guitarte, de Teruel Existe. O Grupo Plural non comunicou que dous dos seus deputados ocuparán escano. JxCat decidiu non asistir por seguridade e porque promove o confinamento total, do mesmo xeito que EH Bildu e a CUP.  Ciudadanos tampouco estará presente.

O debate (non hai votación) presidirao Batet, que estará acompañada na Mesa por dous vicepresidentes e un secretario.

Tras a intervención inicial de Sánchez, sen límite de tempo, falarán durante 15 minutos os portavoces dos grupos por orde de maior a menor representación parlamentaria, aínda que terminará o PSOE. Haberá réplicas de cinco minutos se Sánchez volve á tribuna.

Despois do pleno, o presidente do Goberno ten previsto reunirse co rei, quen ás 21:00 horas se vai dirixir á cidadanía por primeira vez desde que comezou a crise de coronavirus en España.