CRTVG

Buscar

O Concello de Valga decide esta semana se se presenta como acusación particular na causa do triplo crime machista

Publicado o 30/09/2019 14:05

Dúas semanas despois, as flores e as candeas colocadas á porta da casa familiar lembran o acontecido neste lugar o pasado 16 de setembro. José Luis Abet Lafuente, de 45 anos, asasinaba a tiros a súa ex-muller, a súa ex-sogra e a súa ex-cuñada, ante os seus fillos de 4 e 7 anos.

Segundo confirmaron fontes de Institucións Penitenciarias, el, o autor confeso do triplo crime, permanece actualmente recluído no cárcere pontevedrés da Lama, á espera de que se celebre o xuízo. Ademais, ten activado o protocolo especial de suicidios, cunha persoa que o acompaña en todo momento.

O caso atópase actualmente en fase de instrución, e aínda hai que agardar, segundo asegura o Tribunal Superior, a que cheguen dende Madrid os resultados definitivos das autopsias.

Mentres, o Concello de Valga confirmou que está a total disposición da familia de Sandra e Alba Boquete e María Elena Jamardo, as tres vítimas mortais do crime machista. Fontes municipais aseguran que lles están ofrecendo toda a axuda posible. Ademais, o vindeiro mércores dous de outubro, ás 8 e media da tarde, está convocado un pleno para decidir se o Concello se presenta como acusación particular na causa.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019