CRTVG

Buscar

O Concello de Santiago estuda suprimir prazas de aparcadoiro para instalar terrazas

Publicado o 23/10/2020 14:23

O Concello de Santiago planea unha nova orde que amplíe a ordenanza municipal sobre as terrazas aprobada para facilitar a instalación deste servizo nas cafetarías e bares da capital galega. Así, está encima da mesa a posibilidade de suprimir prazas de aparcadoiro, de forma temporal, para instalar terrazas, ademais da autorización de pantallas e elementos calefactores.

Estas medidas prevese tomalas para un período superior aos 14 días, tempo polo cal están tomadas as novas medidas de restrición pero que, como dixo o rexedor compostelán, probablemente serán ampliadas se a evolución segue como actualmente. Esta ordenanza será con "carácter xeral, en calquera parte de Santiago", pero "haberá que ver caso a caso", en palabras de Bugallo, quen confiou en que este venres o concello poida contar xa cun novo decreto co que "paliar os efectos máis negativos e dar cumprimento ás medidas de seguridade". Sobre habilitar medidas de axudas á hostalaría, indicou que estaba pendente de firma a orde correspondente e que a idea é que se poida, de forma inmediata, iniciar a tramitación para pagalas no prazo dun mes.

Complicado con esta chuvia aproveitar as terrazas en Santiago. Ese é un dos problemas que atopan os hostaleiros da cidade: xa non poden atender no interior dos locais, e xusto nesta época do ano as terrazas traballan pouco. E a iso hai que sumarlle que, coas novas restricións, non se poden xuntar máis de cinco persoas, e teñen que ser conviventes. Nada de grupos de amigos ou compañeiros de traballo. Algo que, din, vai ser difícil de controlar.

O Concello anuncia que estudará medidas de apoio á hostalería. Mentres en ximnasios e centros socioculturais adaptan as actividades a grupos de cinco. Vodas e funerais reducen a ocupación. E facer vida social, nunha cidade de estudantes, faise complicado.

No campus universitario ringleiras de alumnos esperan para o cribado sistemático que se reiniciou este xoves. Pola noite, incrementaranse os controis policiais para evitar festas en pisos. Todo para dobregar a curva, que está resultando difícil. Na área sanitaria de Santiago, con Milladoiro tamén en nivel vermello, permanecen activos 851 casos e nas últimas 24 horas houbo 78 novos positivos.

Noticias web

23/10/2020