CRTVG

Buscar

O Concello do Incio prepara casetas para que os hostaleiros teñan terrazas para poder traballar

Publicado o 10/05/2020 18:53

O Concello lucense do Incio decidiu axudar á hostalería local facilitando un espazo público para que os negocios poidan ampliar as súas terrazas. Deste xeito, multiplican por tres a súa capacidade de atención aos clientes. 

Están preparando as mesas para recibir mañá os primeiros clientes no seu bar do Incio, que leva pechado desde mediados de marzo. Non poden ofrecer máis que servizo na terraza e o concello preparoulles estas casetas para que poidan atender os clientes.

De non ser por este espazo habilitado especificamente polo Concello, este bar só podería situar unha mesa diante do establecemento.

A colocación destas casetas é unha iniciativa municipal para apoiar a hostalería local, que deste xeito ve ampliado o seu espazo para traballar. Están illadas entre elas e ademais cumpren cos requisitos de seguridade.

A terraza ten tres ocos duns corenta metros cadrados para cada establecemento e a súa disposición é só unha das medidas que aplicará este Concello lucense, que tamén prevé librar os comerciantes dos impostos municipais co fin de impulsar a actividade económica no lugar.

Noticias web

10/05/2020