CRTVG

Buscar

O comité de Ferroatlántica tacha de "fraudulento" o ERTE

Publicado o 22/04/2020 07:28
O comité de Ferroatlántica tacha de "fraudulento" o ERTE

O comité de empresa de XEAL, antiga Ferroatlántica, tacha de "fraudulento" o ERTE que a empresa activou desde este martes por considerar que esta busca "aproveitar a crise sanitaria para aforrar diñeiro e avanzar no plan de recorte da produción".

Nun comunicado, a representación sindical de XEAL indica que a negociación do ERTE das fábricas e as centrais hidroeléctricas de Cee e Dumbría "finalizou sen acordo" e o comité levará a cabo "todas cantas accións legais sexan posibles" para evitar que se  efectivice esta medida, asegura.

Así, o comité rexeita o ERTE por entender "que é unha fraude e que a empresa só quere aproveitarse da crise sanitaria para aforrar diñeiro e avanzar no plan de recorte da produción".

Pola súa banda, Xallas Electricidade e Aliaxes (XEAL) defende que o ERTE, que puxo en marcha este martes, segue "escrupulosamente" o procedemento que marca a lexislación e indica que se expuxo "co propósito de protexer a saúde e seguridade dos traballadores".

Segundo o comité, a empresa "alega causas organizativas derivadas da pandemia da covid-19, cando en realidade os motivos que esgrime xa se iniciaron previamente coa paralización progresiva da actividade dos fornos".

Neste sentido, sinala que o 13 de marzo a dirección detivo a produción nos fornos 12 e 21 e deixou só dous dos cinco en activo.

Para a representación sindical, "XEAL non ten escusa para rebaixar a produción, pois está considerada dentro das actividades industriais esenciais, tanto no ámbito da produción eléctrica como no da produción de ferroaliaxes".

Así mesmo, engade que "o seu provedor e cliente único, Ferroglobe, mantén a produción practicamente ao 100 %".

Ademais, acusa a compañía de "non querer negociar ningunha das alternativas do comité".

De igual maneira, o comité sostén: "A empresa rexeitou limitar a vixencia do ERTE á duración do estado de alarma", pois quere aplicalo ata o 3 xullo, concreta.

Pola súa banda, Xallas Electricidade e Aliaxes (XEAL) explica que para "salvagardar a seguridade" dos empregados implementou o 13 de marzo un sistema organizativo rotativo polo cal cada 14 días a metade dos traballadores estaban nos seus domicilios en corentena preventiva e o resto traballando.

En vista de que a duración do estado de alarma e as medidas de confinamento e distanciamento social foron alongándose, a empresa decidiu utilizar as ferramentas legais que o Goberno puxo ao dispor do tecido empresarial durante esta pandemia.

Neste sentido, convocou o pasado 8 de abril o comité de empresa para presentarlle unha proposta de Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que se aplicará mantendo o sistema de traballo rotativo de 14 días de corentena preventiva e 14 días de actividade xa en funcionamento.

"Todos os traballadores percibirán o 100 % do seu salario debido a que a compañía compensará os empregados afectados por esta medida ata complementar o 100 % do seu soldo", garante XEAL.

Ademais, a empresa puntualiza que a duración do ERTE dependerá da situación excepcional e asegura que "en ningún caso, máis aló do 3 de xullo".