CRTVG

Buscar

O Colexio de Médicos da Coruña denuncia unha estafa: piden cartos en nome do seu presidente

Publicado o 10/04/2020 19:03
O Colexio de Médicos da Coruña denuncia unha estafa: piden cartos en nome do seu presidente

O Colexio de Médicos da Coruña presentou unha denuncia na comisaría por usurpación de identidade  do seu presidente, Luciano Vidán, e por intento de estafa, nas instalacións do Corpo Nacional de Policía, en Lonzas.

Hoxe, arredor das doce, a entidade detectou un correo electrónico enviado desde Rusia no que se usurpaba a identidade do seu presidente, "cunha clara intención de estafar os seus destinatarios". Solicitábase que o receptor realizara transferencias bancarias a unha conta diferente á anunciada  polo Colexio de Médicos da Coruña. A entidade xa abrira unha conta con 100.000 euros para  mellorar a protección dos facultativos  fronte á COVID-19. Nela, convidaban a particulares, empresas e institucións a facer doazóns.   

Tras presentar a denuncia correspondente, o Colexio de Médicos da Coruña lembra que os que queiran participar  nesta iniciativa,  o fagan única e exclusivamente, ingresando  as  súas  achegas  na conta Abanca con IBAN ES76 2080 0058 1330 4003 3560, e que se absteñan de facer donativo algún  "á  marxe  deste  procedemento",  advirten  nun comunicado.