CRTVG

Buscar

O CIS aumenta a estimación de voto do PSOE e Podemos tras a investidura

Publicado o 30/01/2020 12:46

O PSOE aumenta a súa vantaxe sobre o PP, que xa supera os dez puntos, e alcanza o 30,4 por cento dos votos, en tanto que Unidas Podemos superaría a Vox, segundo o último barómetro do CIS elaborado durante a investidura de Pedro Sánchez e nos días previos á formación do Goberno.

O traballo de campo do estudo, realizado entre o 2 e o 13 de xaneiro pasados, revela a subida dun punto de Unidas Podemos e as súas confluencias ata o 13,8 por cento, co que recupera o terceiro posto e sitúase por diante de Vox, formación que cae do 15,2 por cento ao 13,4 por cento dos sufraxios.

Mentres, o PP perdería unha décima vendo como aumenta a súa distancia sobre o PSOE, do 20 ao 19,9 por cento, mentres que Ciudadanos escalaría do 5,6 da anterior enquisa ao 6,5 en estimación de voto de xaneiro.

Segundo o instituto que dirixe José Félix Tezanos, ERC, que facilitou neses días a investidura de Sánchez, sobe tres décimas, do 3,6 ao 3,9 por cento, mentres que JcXat, que votou en contra, cae con moita forza e pasaría do 2,2 ao 1,4 por cento.

O PNV mantense estable no 1,6 por cento, do mesmo xeito que a CUP, no 1 por cento, mentres que EH- Bildu, subiría dúas décimas, co 1,3 por cento dos sufraxios.

En voto directo, sen a "cociña" do CIS, o PSOE tamén sobe un punto ata o 33,5 por cento dos votos, por encima mesmo da estimación que lle dá a enquisa.

Por contra, o PP obtén un voto directo inferior á estimación do CIS, aínda que sobe con respecto ao mes anterior, do 18,6 de decembro ao 19,2 por cento de xaneiro. 

Sánchez mantén a súa posición como líder mellor valorado

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, segue sendo o líder político mellor valorado, segundo o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de xaneiro, que lle outorga unha puntuación de 4,2, unha décima máis ca na enquisa anterior.

Tamén sobe a valoración que fan os cidadáns do líder de EU, Alberto Garzón, que logra unha décima máis ca na enquisa de decembro, ao subir a 3,5 puntos.

Pola contra, a valoración do líder do PP, Pablo Casado, cae en tres décimas, xa que pasa dun 3,6 de valoración en decembro a 3,3 na enquisa realizada do día 2 ao 13 de xaneiro, coincidindo co debate de investidura e as negociacións para a formación do Goberno.

Segundo o CIS, mantense a valoración dos líderes de Podemos, Pablo Iglesias, que repite unha valoración do 3,5, e do líder de máis País, Íñigo  Errejón, quen mantén un 3,3 de valoración.

En maior ou menor medida, caen os demais líderes; a que máis, a portavoz e presidenta do Grupo Parlamentario de Ciudadanos, Inés Arrimadas, que obtén unha puntuación de 3,3 fronte, ao 3,6 que obtivo un mes antes.

Tamén baixa o presidente de Vox, Santiago Abascal, que, tras lograr unha aprobación de 2,8 en decembro, caeu a 2,6, segundo o barómetro de xaneiro.