CRTVG

Buscar

O cirurxián do rei emérito explica no CHUS novas técnicas para tratar cardiopatías familiares

Publicado o 26/11/2019 15:23

É o responsable dunhas 4500 operacións de corazón, entre elas a última do rei emérito. Falamos do cirurxián Alberto Forteza, un dos máis prestixiosos de España, que hoxe visitou o hospital de Santiago para falar de avances no tratamento de cardiopatías familiares. 

É un dos cirurxiáns vasculares máis prestixiosos do Estado. E hoxe estivo no CHUS para falar da miectomía septal ampliada, unha técnica mellorada para destaponar o corazón dos que padecen o engrosamento do músculo cardíaco.

Alberto Forteza, xefe de cirurxía cardiovascular Hospital Puerta de Hierro: "Temos que resecar ese músculo de forma ampliada, ata o nivel case medio ventricular, para liberar a obstrucción que hai na saída do corazón e mellorar os síntomas dos pacientes"

Aínda non hai data. Pero esta técnica, que permite tratar unha das cardiopatías familiares máis comúns, podería estar dispoñible no hospital de Santiago tan pronto como se formen os profesionais.

Alberto Forteza, xefe de cirurxía cardiovascular Hospital Puerta de Hierro: "É un servizo de cardioloxía moi potente que ten ademais unha unidade de cardiopatía familiar e trata familias con esta enfermidade, a miocardiopatía hipertrófica. Por iso, se cadra, sería un bo momento para ofertar esta técnica en Santiago".

Malia ser especialista en transplantes, o doutor Forteza prefire evitalos implementando novas técnicas, cada vez menos invasivas, coas que devolver o latexo ao corazón dos doentes.

Noticias web

26/11/2019