CRTVG

Buscar

O cinema paraíso volve a Vigo co proxecto dun autocine

Publicado o 16/05/2020 15:22

A sétima arte tamén está sufrindo os estragos do coronavirus. Os rostros sobredimensionados das estrelas do celuloide xa non se poden contemplar, restrinxido como está o acceso multitudinario a lugares pechados coma os cines. Por iso, dous emprendedores decidiron traer toda a maxia dos filmes ao aire libre, mais en versión moderna e hixienica, e proxectan abrir nas aforas de Vigo un autocine.

Segundo o emprendedor Luís Terrón, "o autocine xurdiu con isto da pandemia, que nós temos un parque de lecer ao aire libre, con bastantes metros, e temos que adaptarnos aos tempos que corren agora. Con esta situación vimos que isto era unha posibilidade".

O lugar escollido é o monte Alba, na parroquia viguesa de Valadares, un escenario máxico coas Illas Cíes de fondo, no que este proxecto conta cun amplo aparcadoiro para cen coches e unhas dúascentas persoas. E por riba de todo, garantindo a seguridade sanitaria.

"Hai que manter unha distancia mínima -afirma Luís Terrón-. As prazas terán unha separación de dous ou tres metros, mesmo cando son fóra do vehículo. A restauración servirase con todas as medidas que nos indican de protección: EPI, luvas, desinfección, máscaras...".


Coma noutros lugares do territorio español, onde se instalaron autocines, a experiencia completarase con servizos de restauración vía telefónica, para respectar as medidas de hixiene, e a restransmisión do son do filme a través dos altofalantes do coche, para evitar a contaminación acústica. Na filmografía, apostan polos clásicos e o cine para as familias.

"A maioría dos clientes vai ser xente nova e familias con nenos. Entón botaremos os clasicos de películas de debuxos e os clásicos do cine, coma Grease, Os Goonies...", confirma Terrón.

O proxecto podería comezar a funcionar en xullo, e os seus resposables desevelan que os prezos seran máis económicos que os dos cines tradicionais, porque non se trata de presenciar as ultimas estreas, senón de recuperar o pracer evocador do cinema nestes tempos de illamento.

Noticias web

16/05/2020