CRTVG

Buscar

O CHUS, pioneiro na aplicación da radioterapia a doenzas non oncolóxicas

Publicado o 07/06/2019 15:44

Utilízase fundamentalmente para tratar tumores, pero a radioterapia pode resultar eficaz na abordaxe doutras doenzas. Un exemplo totalmente innovador é a aplicación desta terapia en taquicardias ventriculares que non responden a outros tratamentos.

Antonio Gómez Caamaño, xefe do Servizo de Oncoloxía Radioterápica no CHUS, explica esta técnica:"Tes que identificar pequenos puntos no corazón que son os que orixinan esa taquicardia e dar unha dose de radiación altísima aí, no corazón, que é un órgano vital, entón é moi complexo pero é apaixonante porque o resultado, a efectividade, é brutal".

Unha efectividade que xa se puido comprobar en Santiago, onde aplicaron por segunda vez en España esta técnica nova. Hai un mes utlizárona cun paciente ao conseguiron reducirlle un 90 % a incidencia das taquicardias.

Outro dos campos de traballo da radioterapia está nas enfermidades articulares, como a artrose, "que afectan a xente de idade avanzada, e en países como Alemaña, en casos rebeldes que non responden á medicación, trátanse con doses moi baixas de radioterapia, cuns resultados moi bos á hora de controlar a dor e diminuír o consumo de analxésicos". 

Novas aplicacións para unha técnica que, ao longo dos máis de cen anos da súa historia, non deixou de perfeccionarse e facerse máis precisa e efectiva.

Noticias web

07/06/2019