CRTVG

Buscar

O CHUS aspira a ser centro de referencia dun novo tratamento contra o cancro

Publicado o 19/04/2019 15:44

Inmunoterapia e enxeñería xenética combinadas para atallar a leucemia e o linfoma. Esa é a base de Car-T, unha nova terapia que revoluciona a loita contra o cancro. Álvaro Urbano-Ispizua, director do Departamento de Hematoloxía e Oncoloxía do Hospital Clínic de Barcelona: "Collemos as células de defensa do paciente, as modificamos xeneticamente no laboratorio, reinfúndese ao paciente por vía venosa como se fose unha transfusión, e este linfocito modificado xeneticamente ponse a traballar, rapidamente como na película Matrix, vai recoñecendo e cando identifica unha célula tumoral rapidamente se une, destrúea, vai buscar outra, atópaa, destrúea, e así mentres haxa células tumorais vai seguir actuando, vai seguir viva, vai seguir proliferando".

O Hospital Clínic de Barcelona encabeza a investigación e o tratamento. Desenvolveu o seu propio Car-T e xa o probou en fase de ensaio en 35 pacientes. "É extraordinariamente eficaz, incluso en pacientes que recaeron despois dun transplante de medula ósea".

A máis que probable autorización da Axencia Española do Medicamento, este mesmo ano, permitirá dotar a sanidade pública dunha terapia que en formatos similares da industria farmacéutica ten un custo por paciente duns 300.000 euros, e Santiago postúlase como centro de referencia en Galicia para o novo tratamento. José Luis Bello. xefe do Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia do CHUS: "A nosa aspiración é que nun prazo relativamente curto, a ser posible en seis meses ou un ano poidamos dispoñer da posibilidade de empezar".

Polo de agora xa constituíron un grupo de traballo no hospital, onde calculan que poderían tratar con esta terapia 50 pacientes de toda Galicia o primeiro ano.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/04/2019