CRTVG

Buscar

O Centro Superior de Hostalería de Galicia impartirá un grao universitario a partir de 2021

Publicado o 20/09/2019 13:54

A Consellería de Cultura e Turismo investirá cinco millóns de euros nun plan de renovación do Centro Superior de Hostalería de Galicia que durará cinco anos. E a partir do curso 2021-2022 o centro estará adscrito á Universidade de Santiago e impartirá un grao universitario. Continuará sendo privado, pero tutelado pola Universidade de Santiago, e impartirá un ensino oficial e regrado. O título que obterán os alumnos será un grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira.

"Neste momento hai un título propio, e dariamos un salto de acreditación e de recoñemento na formación que aquí se imparte para ser un grao dual universitario cunha implicación moi forte do sector empresarial", explicou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo.

Esta modificación forma parte dun programa da Consellería de Cultura e Turismo para renovar o centro. É un plan a cinco anos que suporá un investimento de cinco millóns de euros e que inclúe a reforma das infraestructuras, que levan 25 anos funcionando.

"Apostamos por unha reforma integral do espazo arquitectónico. Unha reforma con 2,2 millóns de euros que se vai licitar de xeito inmediato", engadiu o conselleiro.

O plan prevé tamén unha liña de reciclaxe profesional para persoal empregado actualmente no sector hoteleiro e a internacionalización do centro a través dun programa de intercambios e traballo en rede.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/09/2019